36 días despois, as pancartas que anunciaban a Marcha contra Ence, organizada anualmente pola Asociación pola Defensa da Ría, seguen colgadas na cidade. ÿ o que denuncia a empresa pasteira, que asegura que se incumple así as normas municipais que Pontevedra aprobou en febreiro de 2009 para regular os usos e a protección dos espazos públicos.
Nun comunicado, Ence recorda que estas directrices establecen que pancartas coma as que emprega este colectivo terán que ser retiradas pola entidade ou persoa que as colocou nos cinco días posteriores ao evento que promociona. A mobilización foi o pasado 21 de xuño, polo que a empresa sinala que o pasado día 26 era o día límite para a retirada das pancartas.
Ademais, no mesmo texto establécese que este tipo de elementos non poderán ocupar o espazo público por máis de 30 días. As pancartas, cunha convocatoria vencida hai 15 días, están expostas dende hai 36 días.
Esta actitude por parte de APDR, "ademais de amosar unha falta de respecto polas normas, vai en contra do espírito co que o Concello impulsou as directrices que regulan os espazos públicos", denuncia Ence. No documento, faise un chamado á necesidade dun "compromiso social e individual" para conseguir os obxectivos de posta en valor do espazo público. "O incumprimento da APDR non é novo. Repítese ano tras ano", asegura a empresa.
Ence estima que a APDR mantén estas pancartas e carteis para "tratar de proxectar a existencia dun ambiente social acorde co obxectivo político que apoia", que non é outro, din, que "acabar co emprego industrial na cidade eliminando os preto de 800 postos de traballo directos, indirectos e inducidos que xera Ence". E todo iso, a pesar, recorda a pasteira, de que este ano "congregou a menos de 400 persoas en Lourizán".