O conselleiro delegado de Ence, Ignacio de Colmenares, asegurou este venres que a compañía "defenderá" a continuidade da súa fábrica de celulosa en Pontevedra, aínda que recoñece que existen "incertidumbres" con respecto ao seu futuro.
Na súa intervención ante a xunta de accionistas de Ence, celebrada de maneira telemática, Colmenares lamentou as "dificultades" que creará a lei de cambio climático que tramita o Goberno e que limitará a 75 anos as concesións en terreos de dominio público.
Se esta nova lexislación, sinalou o dirixente empresarial, ten efectos retroactivos limitaría a permanencia de Ence en Pontevedra ao ano 2033, o que "impediría realizar en un periodo razonable las inversiones previstas".
Ignacio de Colmenares defendeu que o compromiso ambiental da compañía na súa fábrica de Pontevedra é "muy firme" e destacou que en 2020 o consumo de auga alcanzou o seu "mínimo histórico" e reducíronse nun 45% as emisións olorosas.
Ademais, engadiu que Ence conta cun "robusto" sistema de xestión de seguridade na factoría pontevedresa e que todos os parámetros ambientais "mejoran ampliamente" as normas españolas e europeas "más exigentes".
"Estamos preparados para el devenir de los acontecimientos en Pontevedra", subliñou o conselleiro delegado da empresa pasteira
Colmenares apuntou que a compañía está "a la espera" da decisión da Audiencia Nacional sobre a prórroga concedida a Ence ata 2073 polo goberno en funcións que presidía Mariano Rajoy, pero lembrou que ata o de agora xa se desestimaron dous recursos que solicitaban a caducidade total da súa concesión.
"Estamos preparados para el devenir de los acontecimientos en Pontevedra", subliñou o conselleiro delegado da empresa pasteira, que reiterou que a situación creada ao redor desta fábrica aconsella ter "prudencia".
Con respecto ao vídeo no que o propio Colmenares advertía dun posible "susto ambiental mayúsculo" pola situación na que se atopa esta fábrica, o conselleiro delegado de Ence recoñeceu ser "consciente" de que foi unha expresión "poco afortunada".
Defendeu que foi feita "en privado" nunha reunión interna cos traballadores e "sacada de contexto" e que, segundo engadiu, foi o "caldo de cultivo" para que se realizaran unha serie de "acusaciones sin fundamento".
Destas acusacións responsabilizou "a los que tienen objetivos distintos al mantenimiento de la producción de celulosa en Pontevedra y los 5.100 puestos de trabajo que genera esta planta en Galicia".