Ence declara perdas de 42 millóns de euros no que vai de 2020

Pontevedra
27 de outubro 2020

A dirección xustifica este déficit nos prezos mínimos acadados pola celulosa, os máis baixos da última década. A empresa afirma que a actividade e o emprego das fábricas e plantas de enerxía se mantiveron malia a crise sanitaria. Neste último trimestre, a compañía recoñece que as perdas foron de 16 millóns de euros

Protocolo de seguridade na entrada á fábrica de Ence
Protocolo de seguridade na entrada á fábrica de Ence / Ence

A compañía Ence Enerxía e Celulosa declara unhas perdas netas que ascenden a 16 millóns de euros no terceiro trimestre deste 2020. Con esta cifra, a compañía pasteira acumula perdas por valor de 42 millóns de euros nos nove primeiros meses deste ano.

A causa desta situación, segundo a empresa, atópase nos baixos prezos da celulosa, que se atopan no mínimo da última década. En todo caso, a dirección da entidade sinala que se mantivo durante este período a actividade laboral e o emprego facendo fronte ás dificultades causadas pola pandemia.

Segundo explican, a aplicación estrita dos protocolos fronte ao coronavirus permitiu garantir a seguridade e a saúde do persoal de Ence nas súas diferentes fábricas, entre as que se atopa a de Lourizán. 

As vendas melloraron un 7% en Celulosa e os custos de produción nas fábricas un 3% durante o que vai de ano. Segundo a compañía, Ence asegurou para 2021 un prezo de 770 $/ t para a venda de 193.200 toneladas de celulosa, un 13% por encima do prezo actual de referencia en Europa.

Ignacio Colmenares, presidente de Ence, sinala que o negocio regulado de Enerxía Renovable de Ence achega estabilidade á conta de resultados do grupo empresarial. Explica que mentres o negocio de Celulosa é cíclico, o seu financiamento é a longo prazo e apunta a que a empresa ten 360 millóns de euros en caixa para afrontar con tranquilidade os próximos retos. 

Colmenares destaca que Ence continúa dedicando os seus maiores esforzos en defender a prórroga da súa concesión en Pontevedra. O presidente da entidade afirma que esta planta cumpre  holgadamente con toda a normativa ambiental vixente e que sostén máis de 5.000 postos de traballo directos, indirectos e inducidos. Engade que ademais a fábrica crea valor en toda Galicia, especialmente no rural e nos sectores forestal e loxístico.

A aposta da entidade pasa por unha recuperación verde para superar a crise causada polo coronavirus. O comunicado da empresa indica que Ence quere apoiarse de fronte ao futuro nas enerxías renovables e na subministración de celulosa, que a compañía produce nas fábricas de Pontevedra e Navia.