Ence declara perdas de 24 millóns de euros no terceiro trimestre pola baixada de prezos da celulosa

Pontevedra
31 de outubro 2023

Segundo a compañía a redución do custo de produción, a través da baixada do prezo da madeira e outras materias primas, non foi suficiente para compensar esta caída do prezo da pasta de papel que, en todo caso, xa están subindo

A fábrica de Ence durante a parada técnica de 2023
A fábrica de Ence durante a parada técnica de 2023 /

Energía e Celulosa anunciou que no terceiro trimestre do ano rexistrou perdas por valor de 24 millóns de euros, 28 millóns de euros nos nove primeiros meses do ano. O motivo atópase nos baixos prezos da celulosa.

A empresa engade que a redución dos custos de produción lograda, a través da redución do prezo da madeira e outras materias primas, foi insuficiente para compensar a baixada do prezo da pasta de papel.

O resultado operativo do Grupo Ence foi de -1,8 millóns de euros no terceiro trimestre e de 63,7 millóns de euros desde xaneiro ata principios de outubro.

A compañía indica que os produtos diferenciados de Ence, mellor adaptados para substituír a fibra longa e o plástico, e que achegan un valor engadido extra, representaron o 25% dos ingresos por venda de celulosa no trimestre.

Ence sinala que no negocio da Celulosa segue impulsando a venda dos seus produtos diferenciados e aprobou o investimento para a posta en marcha dun proxecto de produción de celulosa fluff na factoría de Navia, en Asturias, para produtos hixiénicos absorbentes.

A entidade anuncia tamén que presentará o primeiro trimestre de 2024 o seu novo Plan Estratéxico para o próximo lustro. Está prevista a inclusión dun plan de investimentos para a fábrica de Pontevedra.

O proxecto de Ence previsto para As Pontes foi declarado "estratéxico" pola Xunta de Galicia en xuño e a empresa lembra que se trata dunha iniciativa innovadora para a produción de fibras recicladas branqueadas e biomateriais, que inclúe un proxecto piloto para a recuperación de fibras téxtiles. Un proxecto que non aumenta o consumo de madeira, segundo indica a compañía.

Ence conclúe que segue a ser a empresa líder en sustentabilidade do sector da pasta de papel no mundo por terceiro ano consecutivo segundo a última avaliación de Sustainalytics, que en 2023 reiterou a súa puntuación global no desempeño ambiental, social e de goberno corporativo de Ence en 90/100. A entidade pasteira tamén lembra que foi recoñecida coa medalla de platino de Ecovadis, a máxima cualificación que outorga esta plataforma.