Ence culpa os incendiarios e o monte abandonado de ser os causantes dos incendios forestais

Pontevedra
16 de outubro 2017

A empresa pasteira cre que é necesario manter o monte limpo e impulsar a actividade produtiva das superficies forestais para combater os incendios en Galicia.

Eucaliptos
Eucaliptos / Mónica Patxot

Ence emitiu un comunicado no que se solidariza cos familiares das persoas falecidas e cos afectados pola vaga de incendios destes últimos días.

Desde a empresa de celulosa alértase de que, ademais da loita contra a acción dos incendiarios, é necesario manter o monte limpo e impulsar a actividade produtiva das superficies forestais para combater os incendios en Galicia.

Desde a compañía lamentan que se acuse "de forma irresponsable e interesada" ao eucalipto de ser o causante destas desgrazas. Sinalan que a maioría dos incendios producíronse en zonas de interior onde non crece o eucalipto e sen ter en conta que segundo o Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente, no último informe emitido que abarca o período entre 2000-2014, menos do 1% dos eucaliptais galegos son pasto das chamas, representando só o 7% da superficie queimada.

Máis do 70% da superficie que arde anualmente na comunidade é monte abandonado

Segundo a Xunta de Galicia, expoñen desde a empresa, máis do 70% da superficie que arde anualmente na comunidade é monte abandonado, mentres que menos do 30% da superficie que arde atópase arborizada. E engade que o monte arborizado ocupa 1,4 hectáreas, máis do dobre que as 600.000 de monte abandonado.

Con estes datos, Ence cre que os incendios afectan, sobre todo, a zonas abandonadas e non aos eucaliptais, especialmente se se atopan xestionados.

A empresa pasteira culpa á acción criminal incendiaria e á falta de xestión do monte como factores craves da propagación. Por último, indican que nos montes ben xestionados e mantidos hai unha incidencia notablemente menor de incendios ao limparse con frecuencia, relacionando a rendibilidade co coidado do produtor para evitar que se perda a riqueza que lle xera o monte.

Arquivado en