A empresa Ence saíu ao paso dos actos organizados este sábado pola Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) conmemorando os 20 anos da sentenza condenatoria á celulosa e a Elnosa por delito ecolóxico.
Para a pasteira "resulta inexplicable que haxa asociacións ou entidades que poidan 'celebrar' sucesos relacionados cunha empresa do pasado, que nada ten que ver co que hoxe é Ence (nin no que se refire ao seu accionariado, nin á súa actividade, nin á súa visión e valores)", aseguran nun comunicado remitido aos medios de comunicación.
Manifesta Ence no seu escrito o seu "sólido compromiso coa sustentabilidade e co coidado e respecto ambiental", defendendo ademais o seu "rigoroso cumprimento de toda a normativa vixente desde hai máis de 20 anos e a súa firme aposta pola bioeconomía circular e a transición enerxética".
Por último sinala a empresa como fundamental que "entre todos (empresas, administracións e sociedade civil) colaboremos xuntos para contribuír a construír unha economía e unha industria sostibles, capaces de garantir un futuro próspero e respectuoso coa contorna".