Nunha conferencia cos seus investidores para frear a caída a súa cotización en bolsa, a dirección de Ence informou sobre os seus plans ante o escenario aberto tras a decisión da Avogacía do Estado de desistir de defender nos tribunais a prórroga outorgada polo Executivo de Rajoy para que Ence siga situada en Lourizán.
En primeiro lugar, a dirección da pasteira conxela o resto de investimentos previstos no seu plan de negocio. Tan só mantén os compromisos en marcha para este ano, que cifra en 50 millóns.
Ademais sopesa trasladar parte da produción da planta de Pontevedra á de Navia, para poder cumprir cos obxectivos anuais de crecemento fixados no seu plan estratéxico.
A estratexia da compañía pasa por esgotar todas as accións legais, incluso acudindo a instancias europeas, nunha batalla que podería durar uns seis anos.
En caso de ter que pechar antes desa data Ence reclamará todos os investimentos realizados na planta desde que se estendeu a concesión, que cifra en 132 millóns de euros.
Ence confía en obter unha prórroga ata o ano 2033. Lembremos que o Concello alega como unha das causas de impugnación o tempo da prórroga. O prazo máximo de concesión en dominio público marítimo terrestre é de 75 anos contando desde o inicio no ano 1958, polo que nunca podería ir máis aló do 2033. É dicir, a prórroga debería ser de 20 anos e non por 60 anos como aprobou o Goberno de Rajoy.
Outra cuestión alegada polo Concello é que "non se xustifica" na prórroga recorrida "a necesidade de que esa actividade permaneza en terreo de dominio público marítimo terrestre" xa que está establecido que tan só poderán continuar no dominio público "aquelas actividades ou instalacións que, pola súa natureza, non poidan ter outro emprazamento".
A dirección de Ence asegura que "No improbable suposto de que se producise o cesamento de actividade indicado, tería lugar un impacto único extraordinario na conta de resultados da contorna de 185 millóns. Da cifra anterior, 74 millóns de euros terían impacto en caixa, dos cales 43 millóns corresponderían a actuacións de desmantelamento, 16 millóns á cancelación de contratos en vigor (baseados na experiencia de desmantelamento da antiga fábrica de Huelva) e 15 millóns ao custo dun expediente de regulación de emprego de extinción total. A cifra restante de 111 millóns non tería efecto en caixa, xa que responde a deterioración do activo".