Ence convoca 7 bolsas para estudos de máster en España e no estranxeiro

Pontevedra
14 de abril 2013

A pastera destina 40.000 euros á segunda edición da convocatoria, destinada a apoiar estudantes de Pontevedra e bisbarra

ENCE Pontevedra
ENCE Pontevedra

Sete estudantes de Pontevedra e bisbarra, que acrediten ser titulados superiores universitarios, poderán recibir de Ence unha bolsa para cursar os seus estudos de máster en España ou no estranxeiro.

As II Bolsas para Estudos Másters repartiranse entre cinco axudas de 5.000 euros para realizar un máster nacional e dous de 7.500 euros para formarse fóra das nosas fronteiras.

A pastera aumenta a partida presupostaria con respecto á primeira convocatoria, destinando 40.000 euros a este efecto.

Dende Ence aclárase que a empresa priorizará "aquelas solicitudes para o estudo de programas relacionados coa protección de medioambiente e a biodiversidade, as ciencias forestais e agrarias, a enxeñaría, o desenvolvemento industrial e infraestruturas territoriais, a administración e xestión da empresa e as ciencias sociais e da comunicación".

O prazo de solicitude ábrese o próximo mércores, día 17 de abril, podendo presentarse candidaturas ata o 14 de xuño. Os interesados poden solicitar máis información no correo electrónico [email protected].