226 proxectos dos 342 presentados á primeira convocatoria do Plan Social de Ence en Pontevedra recibirán axuda para o seu desenvolvemento, unha vez concluídos os exhaustivos traballos de valoración levados a cabo pola comisión de seguimento do pacto ambiental entre a Xunta de Galicia e Ence.
Segundo informan dende a empresa pasteira, para a avaliación do elevado número de solicitudes presentadas na primeira edición do plan contouse coa colaboración da consultora EY (Ernst & Young, SL), "que realizou unha pormenorizada e detallada valoración de todos os proxectos".
A área de actuación que máis axudas recibirá será apoio ao deporte de base, con 92 axudas outorgadas das 121 solicitudes presentadas, seguida de impulso ao emprendemento e a economía, con 34 axudas adxudicadas das 74 que se presentaron.
A área de actuación que máis axudas recibirá será apoio ao deporte de base
A área de loita contra a exclusión social recibirá 28 axudas, axudas veciñais 26, recuperación e coidado da contorna 23, e apoio e axudas á educación e a cultura 22.
Ence procedeu a comunicar a resolución da convocatoria a cada unha das entidades ou persoas físicas que presentaron solicitude, vía correo electrónico ou postal. Nas próximas semanas, a empresa convocará aos responsables dos proxectos seleccionados para a celebración dun acto de firma do convenio de formalización da adxudicación da axuda correspondente.