A partir deste luns 7 de marzo e durante os 10 días seguintes, o centro de operciones de Ence en Lourizán realizará a súa parada técnica anual, na que neste ano a empresa anuncia que investirá un total de 4,5 millóns de euros.
Segundo informou a empresa este sábado a través dun comunicado, os 4,5 millóns de euros de investimento estarán destinados principalmente a melloras ambientais e melloras en eficiencia que permitirán á fábrica mellorar a súa eficiencia e, por tanto, manter a competitividade da celulosa galega nos mercados internacionais. Ao remate da parada técnica será, segundo indican, unha "fábrica mellor, máis competitiva, e máis próxima á eliminación total de calquera impacto oloroso procedente da súa actividade".
Máis da metade do investimento centrarase en conseguir melloras ambientais a través de proxectos para a eliminación do impacto oloroso. Así, a parada técnica servirá para incorporar novas tecnoloxías e sistemas de control e realizar reformas de circuítos que permitirán avanzar no camiño que comezou Ence no ano 2010 cando puxo en marcha o Proxecto Olor Cero coa Universidade de Santiago de Compostela.
Desde entón, a empresa investiu máis de 4 millóns de euros neste plan e, cando finalice a parada técnica, o investimento total no proxecto desde o seu inicio ascenderá a 6,5 millóns.
Durante a parada técnica destinaranse outros dous millóns de euros a melloras en materia de eficiencia. Entre as principais liñas de traballo en eficiencia están a mellora no control do procesos ou a mellora da eficiencia enerxética, que permitirá continuar reducindo o consumo da fábrica. A empresa lembra que extrae a celulosa de madeira de eucalipto de Galicia e colócaa nos mercados internacionais e que asegurar a competitividade desta celulosa é fundamental xa non só para a empresa, senón para todo o sector forestal galego.