A Comisión Nacional do Mercado de Valores facía constar ás 13.40 horas deste luns 25 un feito relevante en relación a Ence Enerxía e Celulosa. Referíase á resolución da Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar -dependente do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente-, que outorga a Ence a prórroga da concesión.
Nas trece liñas do texto, explica a data desde que se contabiliza a súa prórroga, o por que da concesión a 60 anos, e informa que a sociedade "remitirá aos medios no día de hoxe" unha nota de prensa respecto diso.
A partir desa hora, as 13.40 horas, na Bolsa de Madrid, a gráfica de cotización de Ence Enerxía e Celulosa comezaba a subir. Arrincara a xornada cunha referencia de 2,6450 o prezo de cada acción e pechou cunha referencia de 2,8200 o prezo de cada unha. No pico máis alto da xornada chegaba a alcanzar un máximo de 2,8600 por acción. Traducido noutras cifras e de forma comparativa: se o pasado venres 22 movía un volume de 987.046 accións que supuxeron un efectivo de 2.653.608'92 euros no parquet; este luns foi un volume de 2.280.200 accións que supuxeron 6.183.464'40 euros.
Segundo os datos que reportaba a Bolsa madrileña, Ence foi un dos cinco valores do Mercado Continuo con maior subida este luns: isto é un 6'62% de subida das súas accións e por detrás de Adolfo Domínguez, Compañía Xeral de Investimentos e Abengoa.
ULTIMO ANO EN BOLSA
Con todo esta lucrativa xornada na Bolsa, non é o reflexo da tendencia que a pasteira vén reflectindo no Mercado Continuo no último ano. En xaneiro de 2015 alcanzaba o mínimo histórico do exercicio cun prezo de 2,4450 euros por acción, que foi recuperándose progresivamente ata abril cando chega ao pico de 3,6550. A esa cotización seguíronlle varios meses con "picos de serra", sen tocarse os mínimos e máximos sinalados.
Tras outro marcado descenso, en setembro Ence Enerxía e Celulosa comezaba un progresivo aumento que alcanzou o máximo anual do ano 2015, o 2 de decembro, cunha cotización de 3,7450 o prezo da acción.
A partir de aí, sucédese un progresivo retroceso da cotización, achegándose aos parámetros de comezo de ano e que "tocou fondo" este pasado mércores 20 de xaneiro. Os valores empezaron a recuperarse o xoves 21 e venres 22, ata chegar a esta rendible xornada do luns 25.