Un total de tres millóns e medio de euros. É a cantidade á que ascenderán, segundo a empresa Ence, os investimentos que a compañía pasteira realizará na súa fábrica de Lourizán durante os dez días que durará a súa parada técnica anual.
A fábrica deixará de producir, temporalmente, a partir do próximo luns 20 de marzo.
Ademais, Ence aproveitará a súa parada técnica para preparar as obras de aumento de capacidade a súa produción en 30.000 toneladas que se acometerán, tal e como recolle o seu plan estratéxico, na parada de 2018. Trátase da primeira fase do aumento de 70.000 toneladas que a empresa pasteira prevé para a súa fábrica en Pontevedra.
Máis de 1.200 persoas pertencentes a 130 empresas, a maior parte delas galegas participarán nas operacións programadas durante esta parada anual. Xunto cos seus propios traballadores, que Ence cifra en 350, tamén haberá compañías especializadas procedentes de España, Finlandia, Dinamarca, Suecia e Francia.
O 30% dos investimentos previstos na parada técnica, segundo informa Ence nun comunicado, destinaranse a melloras ambientais, o que permitirá "consolidar" a súa planta en Pontevedra como "referencia ambiental" no sector da celulosa.
A fábrica de Pontevedra, explican desde Ence, someterase a un "exhaustivo" programa de mantemento e aproveitarase esta para técnica para incorporar novas tecnoloxías no sistema de produción para mellorar a súa eficiencia.
Entre os traballos previstos, a empresa destaca as melloras na caldeira de recuperación da fábrica e nos dixestores e caldeiras da planta ou a substitución do rotor da turbina ou a instalación de novos chisqueiros nos fornos de cal, que permitirán un "mellor comportamento ambiental" das instalacións.