Ence chega a un acordo cos comuneiros de Poio para recuperar 56 hectáreas forestais que arderon en 2006

Poio
14 de outubro 2016

A Comunidade de Montes de San Xoán de Poio e Ence xa traballan conxuntamente na recuperación de montes dedicados á produción de madeira de eucalipto, afectados polos incendios en 2006, e que non puideron ser recuperados desde entón

Complexo industrial de Ence e Elnosa en Lourizán
Complexo industrial de Ence e Elnosa en Lourizán / Mónica Patxot

A Comunidade de Montes de San Xoán de Poio e Ence xa traballan conxuntamente na recuperación de montes dedicados á produción de madeira de eucalipto, afectados polos incendios en 2006, e que non puideron ser recuperados desde entón. 

Segundo informa a empresa pasteira, este acordo alcanzado cos comuneiros de Poio é o primeiro dos que formarán parte dun proxecto de Ence para a recuperación de 5.400 hectáreas forestais que se atopan nunha situación semellante. Trátase de plantacións madeireiras situadas na provincia de Pontevedra e o sur da provincia da Coruña.

De acordo ao convenio alcanzado pola empresa e os produtores forestais de Poio, Ence acometerá os investimentos necesarios para mellorar o ordenamento, a sustentabilidade e o incremento da produtividade do monte. Os traballos servirán para mellorar 56 hectáreas forestais, isto é, unha superficie similar á que ocupan 56 campos de fútbol.

As accións que se desenvolverán nos montes de Poio serán financiadas con cargo ao orzamento de 7 millóns de euros que Ence destinará ao proxecto de recuperación de 5.400 hectáreas dedicadas a cultivos forestais desde antes da onda de incendios de 2006 e que necesitan de proxectos de recuperación para devolvelas ao seu mellor estado.

"As superficies que estamos a buscar son montes de eucalipto glóbulus en mal estado nas que os propietarios non poidan acometer as operacións necesarias para optimizar a súa situación, ou non teñan claro como facelo. A superficie necesaria, polo menos nesta etapa inicial do proxecto, debe ser superior a 2 hectáreas e con cinco ou máis anos desde o rebrote ou plantación", di Alejandro Oliveros, director de Ordenación Forestal da compañía.

"Animamos a aqueles propietarios da zona que se atopen nesa situación, a contactar connosco para que poidamos analizar conxuntamente a súa incorporación ao proxecto".

Arquivado en