ENCE lanza a sexta edición do seu Programa Talento. A iniciativa inclúe a contratación de 12 mozos recentemente graduados que se incorporarán ao equipo humano da planta durante un ano completo.
Segundo explica a compañía pasteira, trátase dun plan que permite aos universitarios recentemente titulados gozar da oportunidade de iniciar a súa carreira profesional tomando parte activa en diferentes procesos e proxectos dentro da empresa.
Dentro das 12 prazas ofertadas, seleccionarase a mozos que completasen estudos en áreas como Administración e Dirección de Empresas, Publicidade e Relacións Públicas, Relacións Laborais e Recursos Humanos, así como distintas enxeñerías: Industrial, Química, Electromecánica, Enerxía e Técnica Forestal e de Montes. Todas estas titulacións son aplicables, dunha ou outra forma, á actividade da factoría pontevedresa.
Os candidatos que desexen inscribirse no Programa Talento han de ser menores de 31 anos, finalizar os estudos no últimos tres anos nunha das tres universidades galegas, estar anotados no Servizo Público de Emprego Galego e carecer de experiencia profesional directamente relacionada coa súa titulación.
Para acceder á oferta de prazas dentro do programa, deberán acudir á páxina web da compañía, antes de 9 de outubro de 2020, onde poderán inscribirse a través dun formulario facilitado pola empresa.
Ence destaca que "o éxito desta iniciativa quedou demostrado" a través dun estudo elaborado tras as pasadas edicións: un 86,96 % dos participantes conseguiu emprego antes dun ano tras o seu paso polo Programa Talento, "converténdose así nun impulso profesional para os recentemente titulados" e "nunha oportunidade única de coñecer de primeira man unha contorna laboral real, nunha industria sostible e que xera unha importante actividade en Galicia", di a empresa pasteira.