A empresa Ence decidiu este sábado facer público un informe elaborado por un experto independente que xustifica que "non existe emprazamento alternativo" para a factoría situada en Lourizán.
O informe, que se pode consultar nesta ligazón, elaborouno a empresa de enxeñería IDOM en xullo de 2018 a petición da empresa para utilizar no procedemento xudicial que se segue en relación coa prórroga da concesión de Ence en Pontevedra outorgada polo anterior Goberno do PP no ano 2016 e recorrida polo Concello de Pontevedra, pero decidiron facelo público este sábado para responder o candidato do PSOE á Alcaldía de Pontevedra, Tino Fernández, e asegurar que non son certas as súas afirmacións de que existen varios emprazamentos para unha nova fábrica de celulosa en Galicia.
Ademais de asegurar que é inviable ese emprazamento alternativo, a pasteira carga tintas contra a Dirección Xeral de Costas do Goberno estatal do PSOE. Asegura que o modo en que actuou "é propio dun réxime bolivariano".
En concreto, a empresa asegura que Costas "se inventa unha interpretación falsa e manipulada da Lei e, apropiándose de facultades do Parlamento ou do Tribunal Supremo, decide que a Lei é ilegal". Ademais, cuestiona que ordenase á Avogacía do Estado desdecirse do que defendeu ata agora e achandarse en tres recursos contra o outorgamento da prórroga.
Respecto diso, lembra que "ela mesma dera dous anos antes" esa prórroga esixindo investimentos por 61 millóns euros dos que, segundo recolle Ence nun comunicado, executáronse máis de dúas terceiras partes.
No apartado de conclusións dese informe sostense que "desde un punto de vista técnico, non vemos posible atopar unha localización física diferente para a fábrica de Ence en Pontevedra que cumpra ao mesmo tempo con todos os condicionantes indicados".
Estes condicionantes son, segundo ese informe, seis: que o emprazamento conte con dispoñibilidade dun caudal de auga doce suficiente para alimentar a fábrica, proximidade dunha masa de auga suficientemente grande para poder asumir o seu efluente, orografía que permita dispoñer dunha superficie de terreo suficientemente plano, dispoñibilidade de madeira próxima, liñas eléctricas que permitan exportar e importar enerxía e infraestruturas capaces de soportar a densidade de tráfico pesado necesario.
O documento conclúe que a localización actual da fábrica cumpre con todos os parámetros indicados de forma óptima e outras localizacións en Galicia incumpren un ou máis destes criterios para a localización dunha fábrica de pasta de papel.
A pasteira insiste nun argumento xa esgrimido nas últimas semanas. Lembra que ao supoñer a madeira e a man de obra o 61% do custo total de fabricación da celulosa, se a empresa investise nunha nova fábrica "faríao nun país con estes dous compoñentes máis baratos que en Galicia". Engade que este investimento "levaríaa a cabo, desde logo, nun país que ofrecese seguridade xurídica ao seu investimento".