Ence asina un convenio coa Xunta para ser "invisible y comprometida"

Pontevedra
28 de xullo 2016

Neste documento se detallan especialmente tres actuacións: o financiamento da EDAR de Praceres; a dotación orzamentaria para a sede do centro de investigación; e a elaboración dun ‘Programa Marco’ de actuacións de carácter social e ambiental

Sinatura do Pacto Social de Ence / PontevedraViva

A Xunta de Galicia vén de asinar con Ence o convenio de colaboración que permitirá desenvolver os compromisos recollidos no Pacto Ambiental, que se ratificou hai só un mes. 

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato; e o conselleiro delegado de ENCE, Ignacio de Colmenares presentaron este xoves nun acto aberto a entidades sociais e asociacións os contidos do acordo. Ao acto acudiu a alcaldesa de Marín, a Deputación rexeitou a invitación e os concellos de Pontevedra e Poio non contestaron.

Segundo Beatriz Mato con este "novo paso", dótase de seguridade xurídica ao pacto e permítese que as actuacións poidan comezar a executarse.

Pola súa banda, Ignacio de Colmenares explicou que o acordo inclúe fundamentalmente tres actuacións: o financiamento da EDAR de Praceres, a dotación dunha sede para o centro de investigación e desenvolvemento, e a elaboración dun Programa Marco para poñer en marcha actuacións de carácter social e ambiental. Os directivos da pasteira queren que a fábrica de Lourizán sexa "invisible" medioambientalmente e "comprometida" no eido social.

En canto á ampliación e modernización da depuradora de Praceres para incrementar a súa eficacia e eficiencia, o convenio recolle a achega de 15 millóns que ENCE xa tiña comprometido.

O segundo punto establece un investimento de 5 millóns de euros para a posta a disposición dunha sede para o novo centro de investigación e desenvolvemento especializado na explotación sostible de recursos forestais. A proposta da Xunta é o acondicionamento do Pazo de Lourizán "pero precisamos dunha prórroga superior" por parte da Deputación, titular do edificio. No documento asinado especifícanse outras dúas posibilidades: rehabilitar un edificio equivalente ou a construción dunha sede de nova planta.

PROGRAMA MARCO

Xa por último, o convenio detalla as condicións do Programa Marco para a posta en marcha de actuacións de carácter social e ambiental, unha iniciativa dotada con 3 millóns de euros.

Con este investimento, desenvolveranse accións baseadas en valores como a sustentabilidade, a eficiencia enerxética, a igualdade de oportunidades, a formación para o emprego, o emprendemento ou a investigación.

O documento recolle nominalmente dous destes proxectos: o programa Talento, que disporá de 215.000 euros ata 2019 e que buscará descubrir e fomentar novos talentos na zona; e o Emprende Boa Vila para o impulso de iniciativas emprendedoras, ás que destinará 150.000 euros.

De todos os xeitos, unha comisión de seguimento encargarase de velar polo cumprimento do convenio e decidirá cales son as actuacións ás que se destinarán estes 3 millóns do Programa Marco.

Así mesmo, a maiores dos investimentos xa sinalados, o convenio tamén recolle un orzamento dun millón de euros para a construción dun campo de fútbol no entorno de Lourizán.

Arquivado en