O Plan Social de Ence consolídase na súa segunda edición. Tres millóns de euros en axudas a un total de 296 proxectos englobados en seis categorías: axudas veciñais, loita contra a exclusión social, coidado da contorna, apoio á educación e a cultura, emprendemento e innovación e deporte de base.
Un dos obxectivos do II Plan Social de Ence é dar continuidade a proxectos que arrincaron na primeira convocatoria e que demostraron o seu valor para a sociedade.
É o caso das Bolsas Ence Idiomas, que se desenvolven a través do Instituto Interculturas. Deste xeito, consolídase un proxecto educativo que aspira a que ningún neno perda a oportunidade de mellorar as súas competencias en inglés debido á súa situación económica.
Recentemente, Antonio Casal, o director territorial de Ence, e Pablo Crespo, o director do Instituto Interculturas, fixeron entrega das bolsas que permitirán estudar de maneira gratuíta durante todo o curso académico a oito escolares, tres máis que na convocatoria anterior.
Aínda que o Instituto Interculturas oferta diferentes idiomas, quíxose poñer o acento no inglés xa que é a lingua máis estendida a nivel internacional e tamén a que se estuda nos colexios. E é que, segundo comentábanos o seu director, Pablo Crespo, levaban un tempo detectando que moitos escolares non podían acceder a clases de reforzo porque a economía familiar non o permitía.
Estas clases serán tanto para aprender o idioma como para coñecer a cultura e situacións de comunicación real. A contribución social desta formación complétase con actividades para fomentar o coidado do medio ambiente.
Mentres as Bolsas Ence Idiomas continúan durante todo o curso académico, hai outros proxectos que se pechan co ano, como o Programa de Reforzo Educativo Ence-Educa, a través do que a fábrica pasteira patrocinou bolsas para estudantes de ESO/Bacharelato durante tres meses no Centro de Formación Cegafor.
Ence-Educa deu apoio a alumnos en situación de vulnerabilidade con clases de reforzo educativo totalmente gratuítas, fóra do horario escolar, para complementar a súa formación académica.
A través de actividades de estudo dirixido, aplicación de técnicas de estudo, adestramento educativo e clases de ampliación de coñecementos, o Programa Ence-Educa dotou aos alumnos dos coñecementos necesarios para afrontar o estudo de forma autónoma e responsable.
Con este Programa de Reforzo Educativo, Ence quixo apoiar a educación e o acceso ao coñecemento dos mozos en situación de vulnerabilidade, todos eles procedentes de familias con dificultades: usuarias de servizos sociais, perceptoras da RISGA, en situación crónica de paro ou con vítimas de violencia de xénero, entre outras. Unha dobre aposta pola educación e a inclusión social.
As Bolsas Ence Idiomas e o Programa de Reforzo Educativo Ence-Educa forman parte da liña de axudas da área de apoio á educación e a cultura. Os beneficiados neste apartado foron un total de 50 proxectos, para os que o II Plan Social de Ence destinou un total de 300.000 euros.