ENCE apóiase nun estudo da enxeñería Idom para descartar a viabilidade do seu traslado

Pontevedra
09 de xullo 2021

Tras a celebración da mesa de diálogo convocada o Ministerio para a Transición Ecolóxica, a pasteira comprometeuse a encargar unha actualización deste estudo. Nel descártanse por diferentes motivos sete posibles localizacións dentro da xeografía galega

Fábrica de Ence en Lourizán
Fábrica de Ence en Lourizán / Mónica Patxot

Un informe elaborado pola firma de enxeñería Idom levou a ENCE a reafirmar a súa postura de que o traslado da fábrica de Lourizán non é viable "en ningún outro emprazamento".

A pasteira comprometérase a encargar unha actualización deste estudo tras a celebración da mesa de diálogo convocada o Ministerio para a Transición Ecolóxica.

Trátase dun documento que analiza as 441 áreas que contempla o Plan Sectorial de Áreas Empresariais de Galicia, ao entender que son as únicas zonas nas que se podería implantar unha industria das dimensións de ENCE "de acordo ao ordenamento territorial de Galicia e respondendo as Directrices de Ordenación do Territorio", defende a empresa.

Descartadas as localizacións que non cumpren cos requisitos necesarios para elaboración de pasta de papel, tales como superficie ou posibilidade de captación de auga, o estudo centra o seu razoamento en sete lugares concretos dentro da xeografía galega, concluñindo que non sería viable a súa elección.

  • Polígono Industrial Lago de Meirama: Segundo a enxeñería Idom, neste lugar non se podería asegurar a dispoñibilidade de auga nin a descarga do efluente, ademais da afectación aeronáutica debido á súa proximidade co aeroporto de Alvedro.
  • Parque Empresarial Encrobas 1: Entre as razóns principais para eliminalo como posible localización estaría tamén a limitación de altura por proximidade ao aeroporto. Ademais o estudo defende que tampouco se pode asegurar a dispoñibilidade de auga nin a descarga do efluente.
  • Polígono Industrial Vilar do Colo (Fene - Cabanas): o informe alerta dun elevado impacto paisaxístico derivado dunha topografía desfavorable, ademais de entender que tampouco se garantiría a dispoñibilidade de auga.
  • Polígono industrial A Boeira: Do mesmo xeito que na anterior opción alégase á falta de garantía na dispoñibilidade de auga debida á súa captación en leito con aproveitamento hidroeléctrico. Tamén se cita o impacto paisaxístico que produciría.
  • Polígono Industrial Penapurreira (As Pontes de García Rodríguez): Nesta caso a construción dunha canalización para o efluente afectaría a espazos naturais protexidos. Tamén se alude á incerteza de dispoñibilidade de auga por outros usos.
  • Braña do Can (Teo - Santiago de Compostela): Esta localización tería segundo a firma de enxeñería un elevado consumo enerxético para o bombeo de auga, co seu correspondente impacto ambiental. Alegan ademais ao impacto paisaxístico sobre Santiago de Compostela sendo visible "mesmo desde a Cidade da Cultura e desde a Catedral de Santiago".
  • Polígono industrial Chan de Amoedo (Pazos de Borbén): Aseguran que a captación e a vertedura serían practicamente inviables, sendo ademais necesario a instalación dunha condución para o efluente por zonas dunha alta densidade de poboación.