Ence emitiu dous comunicados coa intención de explicar "a controversia xerada" por "unha gravación ilegal e sacada de contexto" do presidente da empresa e conselleiro delegado Ignacio de Colmenares destinado ao persoal da fábrica sobre a violación do Estado no proceso aberto sobre a prórroga da concesión da empresa en Lourizán e tamén sobre o artigo 18.4 do proxecto de Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética.
Ence indica que a súa primeira opción é "manter a actividade, o emprego e os investimentos da súa biofábrica de Pontevedra" pero lembra que, para iso, necesita "seguridade xurídica". Desta forma, a compañía explica que a modificación do artigo da Lei eliminaría as dúbidas sobre a retroactividade desta norma e iso facilitaría "enormemente a situación e o futuro" da fábrica situada na Ría de Pontevedra. A entidade afirma que tamén facilitaría o mantemento do volume de emprego actual.
Aseguran que xa investiron 132 millóns de euros desde que se outorgou a prórroga da concesión, en 2016 e van manter os investimentos para seguir avanzando en competitividade e sustentabilidade.
A empresa tamén alega que mantivo contacto institucional co Goberno de Pedro Sánchez e quere reafirmar a súa vontade de solucionar a situación actual seguindo con esa "mesma liña de diálogo, mantida ata o de agora, ata alcanzar un acordo".
No comunicado non se fai referencia as expresións de Colmenares no vídeo nas que aseguraba que o Ministerio e o PSOE de Galicia querían pechar Ence en Pontevedra nin sobre a caldeira de recuperación inestable e o sistema actual que pode provocar "un susto maiúsculo ambiental en calquera momento que pode afectar ás persoas".