O Grupo Ence ven de emitir un comunicado no que informa que comezará "de inmediato" os traballos para a execución do proxecto de integración arquitectónica e paisaxística da súa fábrica de Pontevedra, no que o estudo de arquitectos Orts e Trullenque, gañador do concurso internacional organizado pola compañía para a devandita integración, traballa dende hai meses xunto con membros da dirección de Enxeñería de Proxectos de Ence Pontevedra.
A compañía prevé que o proxecto estea practicamente concluído nuns seis meses. Para iso, os traballos iniciaranse coa plantación de árbores dunha diversidade de especies na que primarán especies autóctonas de crecemento rápido.
A primeira fase do proxecto introducirá masas de arborado que rodearán ao complexo industrial no seu fronte á Ría, ademais de reforzar as zonas axardinadas da parcela xa existentes.
A idea que que estes pequenos bosques integren visualmente a parcela ao arboredo de Lourizán que ten ás súas costas.
Doutra banda, a dirección da compañía sinala que estas árbores permitirán que o enclave industrial e os seus edificios queden envolvidos por diferentes frontes vexetais, co que se establecen distintos planos de profundidade de campo de visión que neutralizan o seu impacto visual.
A segunda fase do proxecto dotará ás instalacións centrais de máis envergadura do conxunto industrial dunhas envolventes que, "grazas aos tons e os efectos logrados nas súas formas e elaboración, permitirán lograr unha completa integración do Centro de Operacións de Ence na súa contorna paisaxística", di o comunicado.