ENCE acusa a Salvemos Pontevedra e a APDR de "manipular" sobre a situación legal da empresa

Pontevedra
29 de xullo 2014

A pasteira mantén que para executar a sentenza do Supremo o Estado deberá abrir un expediente administrativo, pero confía nun resultado favorable deste, pois "non" existen motivos para declarar a caducidade da concesión". Ademais, asegura que tras o fallo do Supremo "mantén o seu lexítimo dereito" a obter unha prórroga da súa concesión

Fábrica de Ence vista dende a autovía de Marín
Fábrica de Ence vista dende a autovía de Marín / Mónica Patxot

Ence acusa aos colectivos Salvemos Pontevedra e Asociación pola Defensa da Ría (APDR) de "faltar á verdade" e "manipular" á hora de valorar a sentenza do Tribunal Supremo sobre a caducidade da concesión da factoría na Ría de Pontevedra e de denunciar supostas obras ilegais nas instalacións de Lourizán.

Salvemos Pontevedra sostén que o Supremo condena o Estado a incoar o expediente de caducidade da concesión dos terreos que ocupa a empresa. Non obstante, Ence fai unha interpretación diferente da sentenza e conclúe que o fallo do Alto Tribunal "unicamente" condena a Administración a iniciar un expediente de declaración da caducidade da concesión, pero "en ningún caso se prexulga o resultado final deste". O permiso para permanecer en Lourizán "segue plenamente vixente".

En concreto, segundo a interpretación de Ence, só se ordena tramitar un procedemento, pero en ningún momento se pronuncia sobre se existe ou non causa de caducidade da concesión.

Ence mantén que para executar a sentenza do Supremo o Estado deberá abrir un expediente administrativo, pero confía nun resultado favorable deste, pois "non existen motivos para declarar a caducidade da concesión". Ademais, asegura que tras o fallo do Supremo "mantén o seu lexítimo dereito" a obter unha prórroga da súa concesión ao abeiro da Lei de Costas, pois o fallo xudicial "nin se pronuncia nin prexulga en modo ningún o devandito dereito".

Mentres se resolve ese expediente todas as instalacións amparadas pola concesión poderán seguir en uso, de modo que a actividade da factoría non se verá afectada. Ao respecto, a compañía replica a Salvemos Pontevedra "a fábrica pode seguir, e seguirá, realizando as súas actividades, xerando emprego e riqueza e contribuíndo ao desenvolvemento sostible da economía local e rexional,".

A compañía tamén desmentiu este martes a acusación da APDR sobre as supostas obras ilegais realizadas no complexo industrial de Lourizán. A pasteira asegura que é "radicalmente falso" que realizase tales obras e repite contra este colectivo ecoloxista a mesma acusación de "manipulación" e "engano" aos cidadáns de Pontevedra" que atribúe a Salvemos Pontevedra.

As supostas obras ilegais ás que se refire a APDR son, segundo Ence, labores de mantemento e reparacións internas que non precisan permiso municipal e que forman parte da actividade normal da pastera para "asegurar o correcto funcionamento das súas instalacións". Nega, ademais, que provocasen verteduras.