Apenas 24 horas tardou a empresa Ence en contestar o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que este martes desvelaba que o Concello estuda denunciar ante a Unión Europea a prórroga concedida polo Goberno en funcións á empresa pasteira.
Nun comunicado, a dirección de Ence asegura que Fernández Lores "persiste nos seus erros" ao anunciar novos recursos contra a prórroga "a pesar dos reiterados fallos na súa contra".
A empresa sinala que o alcalde "oculta que non pode levar de maneira directa" esta nova concesión ante os tribunais europeos, xa que "só no marco dun proceso xudicial en España, en caso de vulneración do dereito europeo, podería elevarse ante o Tribunal de Xustiza das Comunidades Europeas".
"A prórroga da concesión de Ence non pode ser levada polo Concello ante os tribunais europeos por moito que se obstine o alcalde de Pontevedra", insiste a compañía, xa que entende que esta denuncia non tería visos de prosperar "dado que a prórroga da concesión está outorgada conforme á lei".
Ence recorda que a empresa cumpre cos criterios da mesma e paga o canon correspondente polo uso dos terreos que marca a concesión, que se aproxima ao millón de euros anuais. "Ditas circunstancias mostran que non se está favorecendo a Ence fronte a terceiros", continúa argumentado a empresa no comunicado.
"A norma é a norma e non se pode pretender abrir causas e denuncias baseadas en argumentos que non responden á realidade, como é de novo o caso, ou para os que non ten competencias", reiteran desde Ence, para quen o alcalde de Pontevedra "debería admitir as súas dúas recentes derrotas ante o Tribunal Supremo e non crear expectativas non realistas".