As obras que, segundo os informes técnicos, provocaron a aparición de gretas no colexio de Barcelos, xa están paradas. Só se traballa nese edificio en construción para afianzar e consolidar os muros que foron levantados no seu día. Así o asegurou o edil de Educación, Demetrio Gómez.
Esa consolidación dos muros foi unha das peticións que lle fixo o Concello á empresa promotora da edificación lindeira ao centro de ensino.
De xeito paralelo, o goberno municipal xa puxo en marcha os traballos de emerxencia, que consisten na elaboración de estudos técnicos para determinar as causas, consecuencias e solucións ás patoloxías que se poidan atopar.
Este estudo foi encargado á empresa Muñiz y Puente Asociados por 18.392 euros.
Ademais, se encargou á consultora tecnica Refuerza un estudo topográfico, de estruturas e de execución técnica por valor de 48.067 euros.
A terceira actuación que se inclúe neste plan de emerxencia é a contratación da empresa Ramírez para realizar os traballos de apuntamento e catas para garantir a seguranza do edificio e para que as fendas existentes non continúen avanzando. Este orzamento é de 28.026 euros.