Encargan o proxecto para acondicionar a nova pasarela de 12 de Novembro

Pontevedra
02 de decembro 2018

O proxecto para acondicionar a continuación da cuberta do tren na rúa 12 de Novembro, cedida por ADIF ao Concello tras as obras para adaptar as vías á chegada do tren de alta velocidade, xa está en marcha

Nova pasarela en Doce de novembro que será urbanizada
Nova pasarela en Doce de novembro que será urbanizada / Cristina Saiz

O proxecto para acondicionar a continuación da cuberta do tren na rúa 12 de Novembro, cedida por ADIF ao Concello tras as obras para adaptar as vías á chegada do tren de alta velocidade, xa está en marcha.

O goberno municipal puxo en mans dun arquitecto o futuro deseño deste espazo, duns 5.000 metros cadrados.

A intención do Concello é crear unha área recreativa e de lecer que, xunto cunha zona verde, complemente a actividade da praza de José Adrio -a pasarela orixinal-, máis orientada a un público infantil.

O arquitecto terá, segundo trasladan desde o goberno, liberdade creativa para darlle forma a este espazo urbano, aínda que si se lle trasladou unha serie de directrices que debe cumprir.

Así, nesta nova pasarela deberá contar cun tratamento de zona verde, incluído a plantación de árbores e diverso mobiliario urbano. Ademais, crearase unha barreira vexetal para disimular as traseiras dos edificios da rúa Santa Teresa de Jesús Jornet.

Parte destes terreos destinaranse tamén para habilitar unha beirarrúa que facilite o tránsito peonil na rúa 12 de Novembro e se permeabilizará a conexión con Santa Teresa a través dunha rampla de nova creación en paralelo á Rúa das Hortas.

A última directriz que deu o Concello é que a zona central da nova pasarela, que inicialmente contará cun pavimento de formigón, conte cunha zona para instalar unha serie de xogos populares.

O Concello espera contar cun anteproxecto desta obra nas próximas semanas.