A provincia de Pontevedra rexistrou os pasados meses de xullo e agosto un récord de 2.807.733 vehículos con viaxes de longa distancia, segundo os datos do Centro de Xestión de Tráfico, o que supón un 11% máis que o ano pasado. Trátase do volume circulatorio máis alto dende o ano 2019.
Este foi un dos datos destacados polo subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, na rolda de prensa celebrada este xoves para presentar o balance de sinistralidade rexistrado nas estradas da provincia durante os pasados meses de verán. Nesta comparecencia tamén participaron a xefa provincial da Dirección Xeral de Tráfico en Pontevedra, Paula Yubero, e o xefe do subsector de Tráfico da Garda Civil na provincia, Antonio Pitieira.
En xullo e agosto houbo tres persoas falecidas e rexistráronse un total de 180 accidentes con danos persoais. Segundo valorou Abel Losada estas cifras supoñen "unha lixeira mellora" con respecto aos anos anteriores.
A mortalidade na provincia de Pontevedra durante este período estival foi "de dúas rodas", xa que as tres persoas falecidas este verán circulaban en motocicleta ou ciclomotor. "Debemos continuar os esforzos por protexer a este tipo de usuarios que presentan unha alta vulnerabilidade nas vías", incidiu.
Así, e segundo explicou o subdelegado, o primeiro sinistro mortal rexistrouse o 1 de agosto en Arcos (Ponteareas), na estrada N-120, no que faleceu o piloto do ciclomotor, que invadiu o carril contrario e chocou cun turismo. O segundo accidente con vítimas mortais produciuse o 19 de agosto na N-550 ao seu paso polo concello de Redondela, cando dous mozos que viaxaban nunha moto invadiron tamén o carril contrario e colisionaron contra un camión.
Abel Losada destacou que "2024 está a ser un ano moi negativo para as estradas da provincia, dado que levamos un total de 19 persoas falecidas, a cifra máis alta dende 2019". Destas 19 persoas que perderon a vida 8 eran motoristas, 3 conducían ciclomotores e 2 eran peóns.
"CIFRAS GLOBAIS LIXEIRAMENTE MELLORES"
O subdelegado do Goberno incidiu en que "as cifras globais do balance da sinistralidade estival estas son lixeiramente mellores ás rexistradas nos últimos anos", xa que só 3 das 15 vítimas mortais que se rexistraron no conxunto de Galicia producíronse na provincia de Pontevedra. "Pero cando falamos de vítimas mortais, non pode haber ningunha complacencia, así que hai que seguir apelando á prudencia", destacou Abel Losada.
O número de persoas falecidas na provincia durante este verán é equivalente ao dos anos anteriores, agás o ano 2020 cando acadouse o pico negativo de 9 persoas falecidas. En cambio, atendendo ao número de sinistros mortais rexístrase unha pequena mellora xa que este verán producíronse 2 fronte os 3 que se viñan producindo en anos anteriores.
O número global de sinistros con danos persoais é de 180, unha cifra tamén por debaixo da media dos últimos 5 anos, que é de 194. Do mesmo xeito, 11 vítimas resultaron feridas gravemente, fronte a media do último lustro, que é de 19.
Pola súa banda, o número de feridos leves foi de 270, unha cifra moi similar á dos anos anteriores. O subdelegado apuntou que estes datos "tamén deben de valorarse atendendo ás cifras récord de turistas".
AS ESTRADAS AUTONÓMICAS, AS MÁIS PERIGOSAS
Aínda que este verán as tres persoas falecidas producíronse en estradas nacionais, Abel Losada incidiu en que "se volvemos a revisar a sinistralidade dos últimos 5 anos volve quedar claro que o 43% dos accidentes con danos persoais prodúcense en vías de titularidade autonómica", fronte a un 29% en vías de titularidade estatal, un 18% en vías titularidade da Deputación e un 8% en vías dos concellos.
Losada matizou que a maior sinistralidade das estradas autonómicas ten moito que ver co feito de que a maior parte da rede convencional é titularidade da Xunta; "nisto eu renuncio a facer a demagoxia que observo noutros responsables políticos".
Abel Losada incidiu en que neste balance non hai ningunha persoa falecida nas autoestradas e autovías da provincia, fronte ás estradas convencionais, que son aquelas dun carril por sentido, e que "volven ser as máis perigosas e que, polo tanto, requiren dunha condución máis atenta".
As estatísticas deste verán demostran que case o 82% dos accidentes con danos persoais prodúcense en vías convencionais, un 7% en autovías e un 5% en autoestradas.