"En toda Pontevedra e Sanxenxo non hai un sitio libre" polo tríatlon

Pontevedra
11 de setembro 2023

"Hai xente que sabemos por exemplo que está en Vigo, como parte do equipo de Estados Unidos ou de Canadá", explicou este luns tras unha reunión do comité organizador do evento o director de competicións da Federación Española, Jorge García

Reunión do Comité Organizador da Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon
Reunión do Comité Organizador da Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon / Mónica Patxot

A Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon, que se celebrará en Pontevedra este mes de setembro, é un evento que "trascende a Pontevedra, á comarca e mesmo ás Rías Baixas". Deféndeo nas súas comparecencias o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e así o fixo de novo este luns tras unha reunión do comité organizador.

Non é para menos, e é que segundo revelou tras o encontro o director de competicións da Federación Española de Tríatlon, Jorge García, "en toda Pontevedra e Sanxenxo non hai un sitio libre". Tanto é así que "hai xente que sabemos por exemplo que está en Vigo, como parte do equipo de Estados Unidos ou de Canadá", explicou.

"Fixemos moitos eventos en Pontevedra e nunca tivemos tantos problemas para colocar á xente", recoñece García.

Estes é así porque ao contrario que noutras probas internacionais, ademais dos miles de deportistas e persoal técnico das federacións que se esperan tamén se conta con que un importante número de afeccionados viaxe á Boa Vila para ver en directo o gran evento do tríatlon mundial.

"Calculamos que podemos andar por riba das 12.000 persoas vendo a Gran Final", asegurou o alcalde.

Debido a iso buscouse fomentar sinerxias con toda a comarca, e froito diso o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, estaba presente na reunión do comité organizador e "encantado de que a maioría de participantes pernoiten en Sanxenxo". Unha vía que se quere seguir fomentando no futuro noutros eventos deportivos como os Campionatos do Mundo Multideporte de 2025.

Completaron o encontro de traballo celebrado no Concello de Pontevedra o vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez; a edil de Deportes, Anabel Gulías; Daniel Benavides como representante da Xunta de Galicia e Javier Campos en nome da Federación Galega de Tríatlon.