A Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés disporá a partir de setembro da nova base para a ambulancia medicalizada do 061 no Hospital do Salnés, en Vilagarcía de Arousa.
Así o confirmaron este xoves 22 as autoridades sanitarias durante unha visita técnica de supervisión das obras, encabezada polo xerente José Flores, acompañado do director do 061, Román Gómez, e do xefe da base da ambulancia de Vilagarcía, Andrés Campos.
As obras, cun investimento de 155.000 euros por parte da Xunta de Galicia, permitirán modernizar e mellorar as instalacións, creando novos espazos como catro dormitorios, unha sala de reunións, vestiarios diferenciados, un novo almacén e unha estancia que separa os desprazamentos ao mortuorio do resto das zonas de traballo.
Este proxecto reforza a capacidade de resposta e a calidade do servizo de emerxencias na comarca, segundo indicaron os responsables sanitarios.
Está previsto que as obras rematen a finais de agosto, permitindo o retorno da ambulancia á súa base habitual no Hospital do Salnés despois de prestar servizo temporalmente en Sanxenxo durante o verán.
Este traslado temporal foi parte dunha medida habitual durante os veráns para mellorar a atención sanitaria ante o aumento poboacional estacional. Tanto o BNG como a CIG manifestaran o seu temor porque a ambulancia non regresara en setembro ao Hospital do Salnés, pero a Xunta insiste en que se levará a cabo o retorno.
Desde 2019, a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, segundo indican desde a Consellería de Sanidade, incrementou a cobertura sanitaria na comarca do Salnés, asegurando a presenza dunha ambulancia medicalizada de soporte vital avanzado os 365 días do ano, as 24 horas.
Os traslados secundarios do Hospital do Salnés son realizados polo propio centro na marioría dos casos, agás os ictus e os códigos 1. Desta maneira, segundo Sanidade, as ambulancias do 061 están máis tempo libres para atender as emerxencias extrahospitalarias.