O goberno local de Soutomaior prepara, xunto cun equipo técnico de ampla experiencia dirixido por Luciano Alfaya, a súa Axenda Urbana e Rural de cara a optar ás axudas dos fondos europeos dos próximos anos.
A Axenda Urbana e Rural de Soutomaior será a folla de ruta para a transformación do concello nos próximos anos, recollendo unha serie de actuacións en diferentes ámbitos estratéxicos e favorecendo a súa inclusión nas axudas europeas que se convoquen no futuro.
Para a redacción do Plan de Acción da Axenda Urbana elaborarase un diagnóstico previo da situación do concello. A partir desta análise e dos datos recollidos no proceso de participación cidadá, elabóranse as liñas estratéxicas que servirán de base para a definición das actuacións recollidas no Plan de Acción.
A veciñanza poderán participar, de forma anónima, e achegar a súa visión das necesidades de Soutomaior en diferentes ámbitos, como o económico, o social, o urbanístico ou o relacionado co medio ambiente, entre outros.
Nos vindeiros días, o goberno publicará nas súas redes sociais o enlace coa enquisa de participación na Axenda Urbana, que tamén estará dispoñible na Axenda Municipal e na páxina web do Concello.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que "a elaboración da Axenda Urbana é un paso moi importante que estamos a dar no goberno de Soutomaior para transformar o noso concello. Todo este traballo, feito en conxunto cun dos mellores equipos técnicos do Estado, ten por obxectivo beneficiar a todos os nosos veciños e veciñas e mellorar as súas condicións de vida".