Este domingo Pontevedra amenceu poética. En árbores e edificios de Benito Corbal, a praza da Ferrería, a zona da Peregrina, a praza de España ou a Alameda apareceron pequenos poemas pendurados. Fragmentos de poesía sen identificar e sen aviso previo que xeraron grande curiosidade. Desde PontevedraViva animamos á cidadanía a que os busquen para gozar da súa lectura e, de paso, damos unha resposta á pregunta que se fan moitos. Medra poesía das árbores ou hai alguén detrás da acción?
Detrás de toda esta iniciativa está Sara Suárez, unha moza de Ponte Caldelas que escribe poesía e que, tal e como explicou, buscaba "achegar a poesía á xente e que, se lles agradaba, o compartisen nas súas redes sociais".
En toda Pontevedra instalou un total de 86 fragmentos que son pequenos textos do seu poemario Entropía.
Segundo relatou, a iniciativa é unha resposta ás preguntas que adoita facerlle moita xente sobre os motivos polos que escribe poesía e non outro xénero literario, pois asegúranlle que o verso está morto na actualidade.
"Eu sabía ben que non era así, pero fun consciente de que aínda quedan moitas persoas que o pensan.", explica. Por iso é polo que decidiu encher Pontevedra de poesía.
Coñece máis sobre Sara Suáreznesta entrevista de PontevedraViva Radio.