En perigo as procesións de Semana Santa polas altas probabilidades de chuvia

Pontevedra
15 de abril 2019

Esta Semana Santa estará marcada polos ceos con nubes e claros e as altas probabilidades de precipitación, que no luns, mércores e xoves pola tarde, poderán ir acompañadas de aparato eléctrico. Xoves e venres agárdase moita inestabilidade atmosférica, mentres que a partir da fin de semana a situación meteorolóxica estabilizarase

Xornada con chuvascos en Pontevedra
Xornada con chuvascos en Pontevedra / Nacho Fuentes

Comezamos a Semana Santa co paso dunha fronte fría asociada a unha borrasca no suroeste de Irlanda que deixará na xornada de hoxe, luns, ceos cubertos con chuvascos en toda Galicia. Ao avanzar a tarde, hai probabiblidades de que os chuvascos vaian acompañados de compoñente eléctrica, o que podería afectar negativamente á procesión do Cristo das Caídas

Este luns, as temperaturas mínimas manteranse en valores suaves con 16º, mentres que as máximas minguarán levemente. 

Martes e mércores estarán marcados por ceos con nubes e claros, agardándose precipitacións para o mércores sensibles de ir acompañadas de aparato eléctrico pola noite, coincidindo coas procesións da Santísima Virxe da Soidade e Xesús Nazareno coa Cruz a Costas o mércores ás 21:00 horas.  

As temperaturas mínimas descenderán notablemente, pasando de luns a martes de 16 a 9º, manténdose en torno a eses valores no resto da semana. No caso das máximas, oscilarán entre os 18 e os 21º.

Para o xoves e venres agárdase moita inestabilidade atmosférica, con altas probabilidades de precipitacións tormentosas, segundo as predicións de Meteogalicia, que tamén poderían afectar ás esperadas procesións dos Pasos, do Encontro e do Santo Enterro, programadas para o xoves ás 20:00 e o venres ás 09:30 e as 20:00 horas, respectivamente.

A partir da fin de semana, a situación meteorolóxica estabilizarase, cunha caída na probabilidade de precipitación e a un lixeiro aumento das temperaturas, que serán as normais para a época e que permitirán o desfrute das últimas procesións da Semana Santa.