As obras de reforma e renovación integral do primeiro andar do edificio administrativo de Michelena 30, en Pontevedra, entran na súa fase final.
Concluídas as principais actuacións, a dirección de obra e os técnicos municipais esperan que os traballos rematen definitivamente na primeira quincena de setembro, despois vai procederse á instalación do novo mobiliario e ao retorno do persoal que foi temporalmente reubicado no Teatro Principal durante as reformas.
Trátase de arredor dunha trintena de traballadores, pertencentes aos servizos de Contratación, Secretaría, Persoal e Riscos laborais.
Esta reforma, cun orzamento de 375.482,72 euros, forma parte do compromiso do Concello de Pontevedra por mellorar as instalacións municipais e está enmarcada no convenio coa Deputación de Pontevedra.
A alcaldesa accidental, Eva Vilaverde, realizou esta mañá unha visita ás obras para avaliar o seu estado co arquitecto municipal Ángel Velando e responsables da empresa Ramírez, que realiza as obras.
As dependencias dos servizos de Contratación, Secretaría, Persoal e Riscos laborais, que se sitúan neste andar, beneficiaranse directamente destas melloras.
A renovación busca non só proporcionar un espazo de traballo máis cómodo para os funcionarios municipais, senón tamén optimizar a atención ao público, en liña co obxectivo de modernizar a administración municipal.
O prazo de execución inicial era de seis meses, pero a empresa adxudicataria solicitou unha prórroga de dous meses debido a unha fuga accidental de auga nun andar superior, que atrasou o calendario previsto.
A obra está a poucos días de ser finalizada, agárdase que en outubro, segundo indicou Eva Vilaverde, o persoal xa poida trasladarse a estas dependencias tras a instalación do mobiliario novo.
O goberno local estudará agora a execución de obras no terceiro e cuarto andar do edificio de Michelena 30 cos mesmos obxectivos.