En outubro entrará en vigor a nova ordenanza de mobilidade, que inclúe os patinetes eléctricos

Pontevedra
03 de agosto 2020

Este luns, a ordenanza volveu a pasar pola Xunta de Goberno, un trámite obrigado pola Lei de Grandes Cidades, e aínda terá que ser abordada noutro pleno antes de entrar en vigor, "posiblemente en outubro", segundo dixo o concelleiro César Mosquera

Unha muller conducindo un patinete eléctrico / ARQUIVO
Unha muller conducindo un patinete eléctrico / ARQUIVO / Elvert Barnes

A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra aprobou este luns a nova ordenanza de mobilidade e espazos públicos. 

A ordenanza fora aprobada o pasado mes de febreiro en Pleno cos votos a favor do goberno municipal, BNG e PSOE e a abstención dos concelleiros do Partido Popular e Cidadáns, e despois abriuse un prazo de exposición pública para presentar alegacións a esta nova normativa. Estes prazos víronse alterados pola pandemia.

Este luns, a ordenanza volveu a pasar pola Xunta de Goberno, un trámite obrigado pola Lei de Grandes Cidades, e aínda terá que ser abordada noutro pleno antes de entrar en vigor, "posiblemente en outubro", segundo dixo o concelleiro César Mosquera.

"Agardamos que non teña especial dificultade, e agardamos que se aprobe por unanimidade do pleno", engadiu o edil nacionalista.

Esta ordenanza reforza o carácter peonil da cidade do Lérez, priorizará os desprazamentos a pé sobre outros vehículos e inclúe regulación sobre patinetes eléctricos, entre outras cuestións.

Na nova ordenanza todos os espazos públicos municipais teñen preferencia peonil, excepto os reservados expresamente para a mobilidade motorizada, polo que todos os vehículos deberán adaptar a súa velocidade .

A ordenanza establece unha velocidade máxima de 30 quilómetros de hora para todo o municipio. Este límite redúcese a 10 quilómetros por hora no centro histórico ou zonas de plataforma única, e inclúe a bicicletas e patinetes eléctricos. Esta medida xa se aplicou desde hai uns meses porque no Goberno local "pensamos que estas medidas hai que poñelas en marcha gradualmente", apuntou Mosquera.

Ademais, todas as pistas do rural pasarán a ter a consideración de áreas de preferencia peonil. Os vehículos de motor, bicicletas ou patinetes, por tanto, só poderán circular pola calzada e non poderán empregar as beirarrúas en ningún caso, mentres que nas zonas de plataforma única deberán adaptar a súa velocidade ao paso do peón.

A única excepción a esta norma serán os menores de doce anos, que si terán autorizados ir coas súas bicicletas ou vehículos de mobilidade persoal polas beirarrúas; aquelas persoas que vaian en cadeiras de rodas motorizadas, que son asimilados en dereitos aos peóns; ou os vehículos de emerxencia ou de servizos públicos esenciais, que poderán entrar en áreas peonís.

Terán prohibido a circulación polo municipio, tanto por vías urbanas como núcleos rurais, os vehículos que teñan máis de dez metros ou pesen máis de dez toneladas, salvo que se autorice expresamente; e tampouco se permitirán competicións e carreiras que non teñan a consideración de eventos deportivos.

SANCIÓNS

A nova ordenanza vai acompañada dun réxime sancionador que, entre outras cuestións, inclúe multas de 200 euros para os que circulen polas beirarrúas con bicicletas ou patinetes e para os que aparquen sobre as beirarrúas ou en espazos non aptos para a circulación ou excedan o tempo permitido en zonas de servizos.

Superar a velocidade máxima tamén poderá supoñer unha multa de 200 euros, que chegará ata os 500 se se aprecia unha condución neglixente ou temeraria.

Neste último suposto, entre outros, inclúese circular facendo eses para esquivar aos peóns ou facelo pegado ás portas dos edificios ou locais comerciais.

O edil nacionalista, César Mosquera, que recoñeceu que "non foi fácil" redactar esta normativa, destacouna como "funcional" e "axustada" á realidade de Pontevedra, e aúna as normas que regularán a utilización dos espazos públicos e o sistema de mobilidade "amable" do municipio.