"En mi casa, los que nos obligan a reciclar son los más pequeños"

Pontevedra
21 de xaneiro 2016

Con esa frase, o presidente de Sogama chamaba a atención sobre a importancia dunha nova campaña de concienciación e sensibilización que está dirixida aos escolares galegos. Trátase dun vídeo que explica de forma sinxela o traballo que realiza a sociedade ambiental para tratar e reciclar os residuos que xeran os concellos

Proxección dun vídeo divulgativo de Sogama no colexio Doroteas
Proxección dun vídeo divulgativo de Sogama no colexio Doroteas / Mónica Patxot

Convencidos de que son os nenos os que conciencian aos pais sobre a importancia das tres R -reducir, reutilizar e reciclar-, Sogama puxo en marcha unha nova campaña de concienciación e sensibilización que está dirixida aos escolares galegos. Trátase dun vídeo que explica de forma sinxela o traballo que realiza a sociedade ambiental para tratar e reciclar os residuos que xeran os concellos.

O lugar elixido para a estrea deste audiovisual foi o colexio Doroteas de Pontevedra. Uns 150 nenos de terceiro e quinto de primaria foron os primeiros en ver este vídeo, duns dez minutos de duración, que estará dispoñible desde este xoves na páxina web de Sogama e que, a partir de mañá, distribuirase a todos os colexios da comunidade.

"En mi casa, los que nos obligan a reciclar son los más pequeños", destacou o presidente deste organismo, Javier Domínguez, para destacar a importancia que esta campaña ten na estratexia de concienciación da compañía, que mediante unha coidadosa selección de imaxes, gráficos e debuxos adaptados ao seu perfil, buscan que os nenos tomen conciencia do impacto que ten a elevada xeración de residuos.

Así, aos escolares das Doroteas chamoulles a atención que cada galego xere máis dun quilo de lixo ao día ou que un chicle tirado ao chan tarde cinco anos en desaparecer, moito menos dos 4.000 anos que tarda en desintegrarse por completo unha botella de vidro. E sobre todo, saber que a Sogama tamén chega o lixo en tren ou que se traballa 24 horas na planta de Cerceda. "¿No se van a dormir nunca?", preguntou un dos nenos.

Esta campaña forma parte da estratexia da compañía para 2016 que inclúe, segundo Javier Domínguez, un investimento de 35 millóns de euros nos próximos anos para a construción dunha planta nova de compostaxe na que se tratarán 15.000 toneladas e para a ampliación das instalacións de Cerceda para incrementar a súa capacidade de tratamento ata as 750.000 toneladas anuais "por lo que podremos tratar toda la basura que nos llega".

Ademais, Sogama prevé reciclar un 30% de residuos máis que ata agora e enviar ao vertedoiro só os impropios e os refugallos.

A sociedade ambiental tamén espera que o recente convenio asinado con Pontevedra anime aos outros trece concellos "díscolos" para normalizar a súa relación e liquidar os conflitos polo canon vixente xa que "nos siguen enviando los residuos y si usan nuestros servicios tenemos que cobrar".