En Marín queren darlle unha volta á reciclaxe

Marín
14 de novembro 2024
Actualizado: 21:11

O Concello impulsa unha campaña de concienciación co obxectivo de conseguir un Marín máis limpo e sacar sobresaínte na reciclaxe. Instalan unha carpa informativa e reparten bolsas de rafia e trípticos

Presentación da campaña 'Dalle unha volta' en Marín
Presentación da campaña 'Dalle unha volta' en Marín / Concello de Marín

O Concello de Marín acaba de poñer en marcha unha nova campaña de concienciación medioambiental baixo o lema 'Dálle unha volta!'. 

A  concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, presentou a campaña este xoves nunha carpa informativa colocada na entrada do mercado.

Nunha mesa, repartiron bolsas de rafia e trípticos con toda a información sobre o obxectivo desta iniciativa: "conseguir un Marín máis limpo e sacar sobresaínte na reciclaxe de residuos".

En Marín, recíclase aproximadamente o 20% do lixo que se xera. Sanmartín sinala que é "unha boa porcentaxe, pero temos que mellorala".

Ve preciso mellorar porque aínda hai moita xente que non fai unha recollida separativa e porque a porcentaxe de impropios foi "mellorando con tempo", pero detectaron que é preciso achegar á cidadanía "información clara para que recicle máis, pero tamén mellor".

En todo caso, segundo a información que facilita o Concello, en papel/cartón e envases, Marín recicla "por riba da media a nivel estatal".

Con esta campaña tamén buscan recordar á poboación e aos negocios unha serie de boas prácticas "imprescindibles para que a vila estea en condicións".

Entre elas, destacan a limitación horaria de botar o lixo aos contedores a partir das 20.00 horas ou facelo sempre en bolsas ben pechadas.

Tamén lembran a importancia de chamar ao número habilitado para a recollida de mobles, colchóns ou electrodomésticos, o 900 102 580, que ten horario de luns a venres, de 09.00 a 13.00 horas.