En Marea rexeita a "chantaxe" do PSOE coa proposta de "revisar" a prórroga de ENCE

Pontevedra
29 de febreiro 2016

En Marea criticou que no acordo asinado a semana pasada entre o PSOE e Cidadáns non se menciona este aspecto, sobre o que o partido de Albert Rivera xa se situou, negando "a derrogación da prórroga de ENCE"

Pedro Sánchez, Secretario xeral do Partido Socialista
Pedro Sánchez, Secretario xeral do Partido Socialista / PSOE

A portavoz no Congreso de En Marea, Alexandra Fernández, considera que o documento enviado "a última hora" para tratar de solicitar o apoio dos seus seis deputados para a investidura de Pedro Sánchez non é máis que "unha tomadura de pelo" e unha "chantaxe" para tentar "comprar" os seus votos.

A portavoz de En Marea detallou que a proposta dos socialistas inclúe "revisar" a prórroga da fábrica de ENCE na ría de Pontevedra e algunhas ofertas para os estaleiros, o sector lácteo e mesmo as cotas de xurelo e caballa.

Para Fernández as propostas esbozadas polo PSOE "son xeneralidades que non se concretan en nada". "No caso de ENCE é máis do mesmo. No canto de anunciar que non se cumpra a prórroga, o que nos fala é dunha posible revisión", lamentou.

"No canto de anunciar que non se cumpra a prórroga, o que nos fala é dunha posible revisión", lamentou

De feito, criticou que no acordo asinado a semana pasada entre o PSOE e Cidadáns non se menciona este aspecto, sobre o que o partido de Albert Rivera xa se situou, negando "a derrogación da prórroga de ENCE".

DOCUMENTO DE 17 PÁXINAS

Os socialistas ofrecen estas medidas á marca galega de Podemos nun documento de 17 páxinas (VER DOCUMENTO) coa fin de que apoien esta semana a investidura do seu secretario xeral, Pedro Sánchez.

No acordo asinado entre o PSOE e Ciudadanos, falábase de recuperar os prazos de protección do dominio público marítimo terrestre da Lei de Costas de 1987. Os socialistas queren que se impulsen plans de rexeneración das rías e do resto do literal galego.

Ademais de En Marea, o PSOE enviou un documento titulado Ofrecemento do PSOE ás demais formacións políticas progresistas e de esquerda a Podemos, Compromís, EU-Unidade Popular  e En Comú Podem.

Arquivado en