Luis Villares, voceiro no Parlamento de Galicia de En Marea, acompañado por Luis Rei, voceiro local de Marea Pontevedra e por Teresa Casal, número 2 da lista desta agrupación para as vindeiras eleccións municipais, ofrecían unha rolda de prensa este venres no Concello de Pontevedra para analizar a situación que atravesan os máis de 3.000 habitantes da parroquia de Lourizán a raiz da intención da Xunta de Galicia de ampliar a depuradora dos Praceres.
"Papá PP e mamá BNG", apuntaba Luis Rei tiñan un acordo e levaban tempo querendo ampliar a capacidade desa instalación e afirmou que "xa está aí" a partir de que apareza no borrador do orzamento da Xunta de Galicia un investimento de case oito millóns de euros para melloras da depuradora e do emisario.
Rei lembrou as mocións que o seu grupo ten presentado en defensa dos veciños de Lourizán contra a prórroga de Ence, pedindo a declaración de persoa non grata para Rajoy por adoptar esa decisión, contra a continuidade de Elnosa e contra a ampliación da depuradora, anunciando que se presentarán outra en breve neste mesmo sentido. Sinalou tamén que Marea foi o único partido que presentou alegacións á autorización ambiental integrada da Xunta a Ence e en relación coa depuradora, tamén se alegou ante Costas e ante Augas de Galicia para que se paralicen as obras do emisario.
Pola súa parte, o máximo representante de En Marea, Luis Villares, reclamaba un debate técnico sobre a ampliación da depuradora. Aposta por unha infraestrutura moderada non invasiva que condene a fachada litoral da ría de Pontevedra. Pedía tamén unha solución a través do diálogo cos residentes na zona. Neste sentido indicou que En Marea trasladra esta problemática ao Parlamento de Galicia para coñecer a posición dos distintos grupos políticos.
Tamén na Cámara galega presentarán unha proposición non de lei para que a Xunta inste o Goberno central a que revise a decisión do goberno de Mariano Rajoy concedendo a prórroga de 60 anos a Ence na súa actual localización.
Os parlamentarios de En Marea tamén presentarán iniciativas no Congreso para reclamar a revisión de oficio daquela decisión, que tamén tería como consecuencia a anulación da autorización ambiental integrada concedida recentemente pola Xunta á fábrica pasteira. Villares amosouse crítico co PSOE lamentando a súa ambigüidade e lembrou que En Marea apoiou a moción de censura proposta por Pedro Sánchez para "facer un goberno diferente".
PARABÉNS A TERESA CASAL
A concelleira do Partido Popular María José Rodríguez Teso uníase nunha expresiva aperta con Teresa Casal na súa chegada ao Concello felicitándoa pola súa volta á política. A nova integrante de Marea Pontevedra foi saudando a diversos funcionarios do andar onde se atopa o despacho de Alcaldía, así como a xornalistas que se atopaban na zona de prensa.
Tras ofrecer a rolda de prensa acompañada por Luis Villares e Luis Rei, Teresa Casal tamén recibía os parabéns da representante municipal de Ciudadanos, María Rey, ademais de coincidir no corredor coa actual número 2 de Marea Pontevedra, Carmen Moreira.