En Marea identifica a ENCE como exemplo da "política tóxica" do PP en medio ambiente

Poio
05 de setembro 2016

Alberto Núñez Feijóo, segundo Luis Villares, foi a "peor bacteria" que sufriu o medio ambiente galego nos últimos anos e a prórroga concedida polo Goberno a esta "gran empresa contaminadora" coa "complicidade" da Xunta demostra que é nesta compañía onde o presidente galego ten as súas "portas xiratorias"

Luis Villares, acompañado por membros de En Marea, ante a fábrica de Ence
Luis Villares, acompañado por membros de En Marea, ante a fábrica de Ence /

Do outro lado da ría, en Poio, pero cunha estudada posta en escena: coa fábrica de Ence detrás. Así presentou este luns En Marea o programa en materia de medio ambiente co que se presentan ás eleccións galegas do 25-S.

E é que o seu candidato, Luís Villares, teno claro. A empresa pasteira é un claro exemplo da "política tóxica" que o PP impulsou desde a Xunta nos últimos oito anos. 

Alberto Núñez Feijóo, segundo o candidato de En Marea, foi a "peor bacteria" que sufriu o medio ambiente galego nos últimos anos e a prórroga concedida polo Goberno a esta "gran empresa contaminadora" coa "complicidade" da Xunta demostra que é nesta compañía onde o presidente galego ten as súas "portas xiratorias".

"Non é candidato á presidente senón candidato á conselleiro dunha das multinacionais que hoxe están estragando o medio ambiente no noso país", denunciou Villares, para quen a política ambiental do PP "está pensada unicamente para favorecer os seus amigos".

Luís Villares, que estivo acompañado entre outros de Carmen Santos -número 1 por Pontevedra- ou os edís de Marea Pontevedra, avanzou que En Marea aposta por "compatibilizar" economía e ecoloxía, xa que o seu partido entende que o "valor verde" non debe estar rifado coa industria, coa produción ou cun "futuro sostible" para Galicia.

Entre outras cuestións, Villares adiantou que En Marea defenderá o saneamento integral das rías galegas para crear "ata cinco veces máis postos de traballo", a ampliación da Rede Natura, unha maior aposta polo aforro enerxético na política ambiental da Xunta ou que Sogama deixe de ser unha "simple incineradora" de residuos.

Arquivado en