O grupo parlamentario En Marea vén de rexistrar unha iniciativa na que lle demanda á Xunta que elabore unha proposta alternativa e sustentable para o depósito dos lodos procedentes do dragado do Lérez, logo que de que se anunciase que o lugar escollido por Portos de Galicia sería a contorna da illa de Sálvora.
"Dende a nosa organización xa amosamos a nosa posición contraria ao actual proxecto de dragaxe, que parece únicamente buscar o benefico dunha entidade vencellada ao turísmo náutico, sen clarificar as consecuencias medioambientais, ou os supostos beneficios deste dragado para o marisqueo na ría de Pontevedra", sinalan Paula Quinteiro, Flora Miranda e Marcos Cal, os tres promotores da iniciativa.
Para En Marea non é comprensible que os lodos que se retiran do Lérez pretendan depositalos na ría de Arousa, no entorno dun parque nacional e sen ningún tipo de estudo que garanta que estes non afectarán a riqueza pesqueira e marisqueira da ría.
"Non parece razoable que cando se ten rexeitado a opción de depositar este lodos en Tambo, polo impacto que suporía para o seu entorno e a súa producción marisqueira, a solución sexa depositalos na ría mais produtiva do mundo, e que xa está a sufrir enormes impactos mediambientais, derivados da deixadez da Xunta de Galicia", aseguran.
O BNG REXEITA O LUGAR ESCOLLIDO
Tamén desde o BNG manifestaron o rexeitamento a botar os lodos extraidos do Lérez nas proximidades de Sálvora porque "crea un problema onde non o hai", segundo o deputado Luis Bará. Para el, a Xunta de Galicia está a "buscar excusas" e lanza "globos sonda" para xustificar unha nova paralización do proxecto.
Entende Bará que "non parece lóxico" trasladar os lodos a outra ría, cando a proposta inicial era levalos para o exterior da ría de Pontevedra. En todo caso, a solución que se adopte, engadiu, deberá contar co aval dos informes técnicos e coa conformidade do sector pesqueiro e marisqueiro.
O deputado nacionalista lamentou a falta de diálogo e de transparencia do goberno galego xa que, en lugar de dar información directamente ao sector do mar, filtra datos para provocar "división e enfrontamento". De aí que faga un chamamento a Portos de Galicia para que abra un proceso de diálogo con todas as partes para garantir a execución do proxecto e para elixir un punto de vertido que concite o maior acordo posible.