En Marea conta co compromiso do PSOE para "sacar a Ence da Ría de Pontevedra"

Pontevedra
11 de agosto 2017

A portavoz de En Marea no Congreso, Yolanda Díaz, destacou o compromiso da súa formación en seguir denunciando "ese fenómeno de corrupción político empresarial que é ENCE", con absoluta "conivencia" da Xunta de Galicia e do Goberno no Estado

Membros de En Marea e da APDR
Membros de En Marea e da APDR

A portavoz de En Marea no Congreso, Yolanda Díaz, destacou o compromiso da súa formación en seguir denunciando "ese fenómeno de corrupción político empresarial que é Ence", con absoluta "conivencia" da Xunta de Galicia e do Goberno no Estado. Tamén cualificou como unha "golfería" a prórroga á fábrica de Ence na ría de Pontevedra concedida nos últimos días do Goberno en funcións de Mariano Rajoy.

Yolanda Díaz xunto ás deputadas no Congreso, Alexandra Fernández e Ángela Rodríguez, a senadora Vanessa Angustia e o deputado no Parlamento, Marcos Cal, mantiveron este venres unha reunión coa Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) para analizar que iniciativas se poden levar a cabo tanto no Congreso como no Senado e no Parlamento de Galicia en relación ao futuro de Ence e Elnosa.

Na rolda de prensa posterior á reunión, os membros de En Marea lembraron as diferentes iniciativas xa presentadas en relación a "unha das maiores agresións ambientais que temos no noso país", que é a que está "vinculada directamente" a todo complexo industrial de Ence "e o que leva consigo".

Neste sentido Ángela Rodríguez manifestou que "Ence é un dos máis claros exemplos de portas xiratorias do Partido Popular".

De cara ao futuro, En Marea vai presentar iniciativas para "sacar a Ence da Ría de Pontevedra", e para iso, destacou Yolanda Díaz, "temos o compromiso do PSOE, para traballar bilateralmente nesta cuestión, por tanto é importante que desde os grupos políticos vaiamos avanzando nesta cuestión".

Finalmente, a portavoz de En Marea no Congreso sinalou tamén a importancia que ao seu xuízo ten a definición dun novo modelo produtivo, "algo que afecta directamente a Elnosa", que ten que eliminar o mercurio da súa produción de cloro na fábrica de Pontevedra, e por iso van solicitar a paralización da súa actividade unha vez finalice a prórroga que teñen concedida ata o 11 de decembro de 2017, "hai un deber que teñen que cumprir e desde En Marea imos traballar para que isto se cumpra".

Arquivado en