En marcha un amplo dispositivo para garantir a seguridade durante a Feira Franca

Pontevedra
02 de setembro 2015

A Feira Franca obriga, como ven sendo habitual, a poñer en marcha un amplo dispositivo de seguridade para axudar a que a festa transcorra sen ningún tipo de problema. Despregarase os próximos venres e sábado, 4 e 5 de setembro, por toda a cidade porque aínda que a actividade estará reservada ao centro histórico se xera un importante tránsito de persoas e vehículos que afecta a toda Pontevedra, especialmente nas entradas e saídas

Preparativos para a Feira Franca
Preparativos para a Feira Franca / Diego Torrado

A Feira Franca obriga, como ven sendo habitual, a poñer en marcha un amplo dispositivo de seguridade para axudar a que a festa transcorra sen ningún tipo de problema. Despregarase os próximos venres e sábado, 4 e 5 de setembro, por toda a cidade porque aínda que a actividade estará reservada ao centro histórico se xera un importante tránsito de persoas e vehículos que afecta a toda Pontevedra, especialmente nas entradas e saídas.

Neste dispositivo participarán membros da Policía Local, Protección Civil, Bombeiros e voluntarios que axudarán a que o espazo público estea nas mellores condicións de uso para a cidadanía.

Ante a presenza masiva de persoas e vehículos, o Concello de Pontevedra solicita a colaboración cidadá e fai un chamamento á utilización dos aparcadoiros disuasorios (Mollabao, Pavillón de Deportes e explanada do Recinto Feiral) e pide especialmente aos veciños que reduzan o uso do vehículo particular ao mínimo imprescindible.

O operativo de tráfico conleva unha serie de medidas como a restrición de aparcamentos en determinadas rúas e cortes de tráfico, polo que se solicita o máximo respecto á sinalización provisional nos espazos afectados.

As zonas afectadas serán Maestranza, Montero Ríos, Michelena, Benito Corbal (tramo peonil), Arcebispo Malvar, Galera, Pardo Bazán, Alameda, Michelena, Peregrina (tramo peonil), o entorno da praza de touros e todo o centro histórico da cidade. Pecharanse ao tráfico o sábado, a partir das dez da mañá, salvo as rúas que rodean a praza de touros, que quedarán inaccesibles desde as dúas da tarde.

Tamén haberá cortes puntuais nas interseccións da rúa Santa Clara con Perfecto Feijóo e con Cobián Roffignac polo traslado do viño cara a zona monumental na mañá do sábado.

Ademais, dende as 22.00 horas do venres, estará prohibido estacionar na rúa Santa Clara no tramo entre o Convento ata a rúa Cobian Roffignac, co gallo do transporte do viño; na rúa Aduana desde as tres da tarde e na rúa Nostramo Lourido desde as cinco. Para o resto do perímetro da praza de touros, a restrición comezará ás oito da mañá do sábado. Ademais, na rúa Maestranza e no Paseo de Cervantes non se poderá aparcar desde as dez da noite do venres.

MONTAXE E SEGURIDADE

A montaxe das infraestruturas que precisen os participantes da festa poderase realizar o venres, desde as 15 ata as 19 horas, e o sábado dende as 6 ata as 10 horas.

O plan de seguridade estará activo dende as 11 horas do sábado ata as tres da madrugada do domingo. A partir das doce da mañá un equipo conxunto de Policía Local e Bombeiros inspeccionará os postos co fin de que se adapten as normas establecidas pola organización. 

Durante a celebración da Feira Franca haberá un posto avanzado médico no Teatro Principal, tres ambulancias mecanizadas en Valentín García Escudero, Bastida/Michelena e a Alameda; mentres que Protección Civil terá a súa base na Praza de Ourense e os Bombeiros na Praza de España e Valentín García Escudero. Ademais, en distintos lugares do recinto onde se celebra a Feira Franca e estratexicamente colocados haberá baterías de extintores.

Co fin de garantir ao máximo as prestacións dos servizos de urxencia establécense como vías principais de evacuación e penetracións as rúas Real - Sarmiento - Isabel II - Curros Enríquez - Fernández Villaverde - Michelena.

Arquivado en