En marcha os traballos de conservación de firmes na rede viaria provincial en Ribadumia e Vilanova

O Salnés
08 de agosto 2024

Os deputados Isabel Couselo e Javier Tourís visitaron as obras que se están a acometer na EP-9501 Ribadumia-A Grenla e na EP-9703 Vilanova de Arousa-Pontearnelas, cun custo estimado de máis de 70.000 euros

Visita aos traballos de conservación de firmes na rede provincial en Ribadumia
Visita aos traballos de conservación de firmes na rede provincial en Ribadumia / Deputación de Pontevedra

Os deputados Isabel Couselo e Javier Tourís supervisaron este mércores en Ribadumia e Vilanova de Arousa dúas actuacións que a institución provincial está a acometer dentro do acordo marco de obras de conservación de firmes na rede viaria da institución provincial. 

No caso de Ribadumia, onde os deputados estiveron acompañados do alcalde, David Castro, as obras na EP-9501 Ribadumia-A Grenla estanse a acometer ao longo de 410 metros, cun coste estimado de 30.000 euros.

Dentro do acordo marco tamén se inclúen outras dúas actuacións, concretamente na EP-9511 Cabanelas-Ponte Arnelas e na EP-9505 Ramal da Igrexa de Barrantes, o que suporá un investimento total de 90.000 euros en Ribadumia. 

A Deputación tamén está a executar os traballos de conservación na EP-9703 Vilanova de Arousa-Ponte Arnelas, concretamente do punto quilométrico 3+000 ao 3+950. Cun custo estimado de 42.000 euros, esta actuación tamén inclúe as reparacións realizadas no tramo da estrada habilitado mentres se estaba arranxando a nova ponte de Santa Marta. No acordo marco tamén figuran a EP-9005 Corbillón-Tremoedo e a EP-9701 Baión-András, cunha inxección total de 110.000 euros da Deputación en Vilanova.

Os traballos do acordo marco consisten en operacións ordinarias e localizadas de conservación que permiten corrixir o estado do pavimento das estradas provinciais con degradacións, tales como pavimentos escorregadizos, deformados ou con fisuras. Está dotado de 4,4 millóns de euros para toda a provincia e o lote 3, no que están incluídos Ribadumia e Vilanova de Arousa (ademais de Barro, Caldas de Reis, Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Meis, Portas e Sanxenxo), ten un orzamento de preto de 650.000 euros.