En marcha o novo "dobre grao" para Comunicación Audiovisual e Publicidade e os mestrados de Enfermería e Incendios Forestais

Pontevedra
24 de xaneiro 2024

O Consello de Goberno da Universidade de Vigo iniciou os trámites para estas novas propostas previstas para o curso 2025/2026. Aprobou a declaración de interese de verificación do novo PCEO (Programación Conxunta en Estudos Oficiais) para Comunicación Audiovisual e Publicidade e Relacións Públicas, ademais de incluír o Máster en Enfermería e o de Incendios Forestais. Todos eles, a impartir no campus de Pontevedra

Campus de Pontevedra
Campus de Pontevedra / DUVI - UVigo

O Consello de Goberno da Universidade de Vigo decidía nas últimas horas iniciar a tramitación para establecer dous novos dobres graos e sete novos másteres para o curso 2025/26 nos tres campus que controla. 

No que respecta ao campus de Pontevedra, aprobábase a declaración de interese de verificación de dous novos PCEO (Programación Conxunta en Estudos Oficiais), coñecidos como "dobres graos" para Comunicación Audiovisual e Publicidade e Relacións Públicas.

A esta proposta súmanse catro másteres. O primeiro é o Mestrado en Enfermería, adscrito de maneira provisional á Facultade de Fisioterapia, á espera de que se constitúa a Facultade de Enfermería. Ademais, o campus de Pontevedra tamén contará cun máster en Incendios Forestais, segundo indica o DUVI.

Os outros dous serán o de Creación Artística Contemporánea e o de Ciencia do Exercicio, Preparación Física e Readaptación Deportiva.

Por outra banda tamén se aprobaba este mércores a modificación das normas para contratar profesorado axudante doutor, que agora abre unha vía para a consolidación profesional de persoal docente non permanente. Estes cambios, segundo a Universidade de Vigo, suporán unha aposta pola canteira e permitirán que se somen á carreira profesional novos docentes que permitirán rexuvenecer ao persoal para futuros procesos de xubilación.

Esta modificación permitirá a saída de prazas non previstas inicialmente coa normativa actual, que era limitativa, porque para a identificación das 240 horas que dan lugar á saída a concurso das prazas, se incluía como docencia estrutural consolidable horas cunha marxe moi restritiva. Agora amplíase o tipo de horas que se poden computar para lograr as 240 necesarias, segundo indicaba a vicerreitora de Profesorado e Ordenación Académica, Patricia Valcárcel.

Segundo os cálculos da vicerreitora espérase que poidan sacarse máis do 50% de prazas de axudante doutor do que se podía coa actual normativa vixente. A partir da aprobación da modificación comezaranse a computar para o cálculo das 240 horas a media de horas de recoñecementos académicos, de representación e docentes do profesorado permanente nos cinco últimos cursos académicos.