Os traballos para construír a futura Rolda Leste son xa unha realidade.
A empresa adxudicataria da obra, Coviastec SL, iniciou este venres os movementos de terra con maquinaria pesada despois de marcar e rozar a traza da nova estrada.
Este novo viario, entre a rotonda da estrada Pino-Bora e o cruzamento da Avenida de Montecelo coa PO-532, dará servizo á parte leste da cidade e facilitará o acceso ao hospital de Montecelo, estando previsto que soporte o paso dunha media de 5.000 vehículos diarios, o que supón preto de 90% do tráfico actual que pasa por Rúa das Pereiras e a Rúa das Olivas.
Os traballos comezaron nas proximidades da glorieta existente na PO-542, onde é necesario realizar achegas de pedra para consolidar o terreo, e seguirán no próximos nove meses de maneira lineal ata o entroncamento coa Avenida de Montecelo e a PO-532.
Para o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, o inicio das obras tras anos de tramitación supón unha satisfacción ao comprobar que unha "actuación estratéxica da pasos reais adiante", sinalou.
A Rolda Leste terá unha lonxitude de 970 metros cunha calzada de dous carrís de circulación de 3,50 metros cada un, beiravías dun metro, máis unha separación entre carrís de 0,75 metros. Tamén contará cunha senda para ciclistas e peóns de catro metros de ancho.