O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, achegouse esta mañá ata o barrio da Parda para supervisar os traballos de renovación paisaxística e mellora da seguridade que o seu departamento vén de poñer en marcha no parque Maruja Mallo, situado entre as rúas Diego Sarmiento Acuña, Virxinia Pereira e Pintora Maruja Mallo.
As obras de reforma integral desta área verde, deportiva e de lecer infantil, adxudicadas á empresa Cespa cun orzamento de 57.831 euros, teñen un prazo de execución de dous meses.
O proxecto inclúe a optimización das condicións de seguridade do noiro existente mediante a instalación dun valado de aceiro galvanizado e madeira para evitar caídas de nenos e adultos que circulan polo contorno e xogan na cancha de fútbol; un pechamento anti sonoro ao longo de todo o perímetro, e a dotación de novos bancos, papeleira e fonte.
As obras tamén se traducirán nun axardinamento axeitado do noiro e do resto das zonas verdes que rodean á pista e ao parque infantil, así como na instalación dun sistema de rega moderno e sostible que permitan unha boa conservación.
"Como guinda a esta intervención, unha vez rematadas estas actuacións, acometeremos a renovación da pista deportiva, pintándoa e instalando novas porterías", avanzou Iván Puentes durante a súa visita.