En marcha a quinta edición de PonteSán coa educación en saúde como punto central

Pontevedra
27 de setembro 2024

A carpa está situada na Praza de España durante este venres 27 e o sábado 28 coa colaboración de corenta colectivos que realizan labores altruístas para potenciar o benestar das persoas. Nesta ocasión conta cunha biblioteca sobre saúde e a participación de diversas entidades deportivas

Actuación do Coro do IES A Xunqueira I / Intervención da agrupación coral na inauguración de PonteSán

Desde este venres 27, a Praza de España acolle unha carpa onde corenta colectivos e organismos institucionais ofrecen información sobre a saúde dentro da quinta edición de PonteSán, Feira de Saúde e Benestar, unha iniciativa que nesta ocasión se centra na educación en saúde.

A inauguración levouse a cabo coa presenza de Eva Vilaverde, tenente de alcalde do Concello de Pontevedra; Rafa Domínguez, vicepresidente da Deputación; Agustín Reguera, delegado territorial da Xunta de Galicia; e Natalia Botana, xefa territorial de Sanidade.

Ao acto tamén asistiu José Flores, xerente da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, ademais de concelleiros dos tres grupos con representación na corporación de Pontevedra.

O evento comezou cunha magnífica actuación do Coro do IES da Xunqueira I, dirixido por María Luisa Sánchez González.

A continuación, Agustín Reguera agradeceu a participación de todos os colectivos participantes e lembrou que "non pode haber benestar se non hai saúde".

Natalia Botana eloxiou este acontecemento sociosanitario no que se ofrecen diferentes situacións relacionadas coa diversidade e a discapacidade. Ademais, destacou o contido desta edición pola aposta educativa en saúde.

Pola súa banda, Rafa Domínguez quixo poñer en valor o traballo que desenvolven asociacións e colectivos tanto relacionados coa saúde como co deporte para mellorar o benestar das persoas.

Por último, Eva Vilaverde sinalou que a saúde debe ser unha prioridade para todas as administracións.

Tamén fixo referencia ao labor das asociacións na creación de redes e estruturas, pero afirmou que "o peso e a responsabilidade non só pode caer sobre as asociacións sociais" e destacou que PonteSán é un evento fundamental para crear redes e para coñecer todos os recursos sanitarios e opcións dispoñibles para facilitar unha vida saudable.

Tanto Vilaverde como Víctor Regueira, representante do Consello Español para a Defensa da Discapacidade e a Dependencia (CEDDD Galicia), lembraron a figura do exconcelleiro Tino Fernández como promotor desta iniciativa que "encaixa no modelo e na filosofía de Pontevedra".

A continuación, as autoridades visitaron a carpa onde se poderán visitar os stands e van desenvolverse actividades durante estes dous días, ao igual que en Montero Ríos e no CITA dentro dunha ampla programaciónde conferencias, obradoiros e actividades deportivas.

Ao longo desta primeira xornada, que terá continuidade durante todo o sábado, ponse en marcha unha biblioteca sobre a saúde; unha exhibición de danza; práctica de baloncesto; deporte adaptado; ademais dunha andaina nocturna na que é preciso inscribirse previamente.

Tamén se realizarán relatorios sobre adicción dixital; merendas saudables; importancia do sono; hábitos de vida saudable ou dereitos e deberes dos pacientes.