As obras do novo hospital público Gran Montecelo avanzan a ritmo constante, e estes días fano cos primeiros pasos para un dos servizos máis demandados para a comarca, o de radioloxía.
Os operarios que levan a cabo os traballos iniciaron a execución dos dous búnkeres que albergarán os aceleradores lineais de electróns destinados a tratamentos de radioterapia para pacientes oncolóxicos.
Para a habilitación deste espazo cumprindo todos os estándares de seguridade está previsto empregar máis de 1.500 m3 de formigón de alta densidade e máis de 200.000 quilos de aceiro, entre outros materiais.
Estes búnkeres, sinala a Xunta de Galicia, contan cun proxecto específico para a súa construción, estando deseñados coas características e dimensións necesarias para que poidan albergar os equipos de última xeración que existen no mercado. Desta forma permitirán acceder ás últimas tecnoloxías en tratamentos radioterápicos como son a radioterapia de intensidade modulada volumétrica guiada pola imaxe e os tratamentos con alta taxa de dose.
As obras do Gran Montecelo, iniciadas o pasado mes de maio, seguen avanzando desta forma nunha primeira fase que conta cun investimento orzado de máis de 130 millóns de euros.
As actuacións en marcha consisten na construción dun novo edificio hospitalario, distribuído en dúas zonas, cunha superficie de preto de 92.000 metros cadrados distribuídos en 10 plantas. Así, proxéctase unha parte dianteira na que se situarán as consultas externas de hematoloxía, medicina preventiva, cardioloxía ou dixestivo; e outro traseiro onde se situarán as urxencias, o bloque cirúrxico, a UCI pediátrica ou os laboratorios. Sobre esa zona de base elevarase un terceiro bloque que se corresponde co edificio de hospitalización.
Na súa totalidade o investimento previsto no Gran Montecelo ascende a 155 millóns de euros, xa que a segunda fase da actuación centrarase na reforma do edificio hospitalario actual e a execución dun aparcamento cuberto, destinando para iso 25 millóns de euros.