En marcha a campaña "Ningunha crianza sen xoguete" do Concello de Poio

Poio
13 de novembro 2023

Poden deixarse xoguetes no Pazo Besada ou na Casa Rosada e os artigos deben estar en bo estado, limpos e con todas as pezas

Xoguetes recollidos por 365 Sorrisos
Xoguetes recollidos por 365 Sorrisos / PontevedraViva

O Concello de Poio xa activou a campaña solidaria "Ningunha crianza sen xoguete", para "garantir que ningún neno perda a ilusión polas festas do Nadal sexa cal sexa a situación ou as dificultades que haxa nos seus fogares". 

Ata o 7 de decembro, todas as persoas interesadas en participar nesta iniciativa xa poden doar estes artigos de luns a venres no Pazo Besada, en horario de 9 a 14 horas, ou na Casa Rosada, entre as 17 e as 21 horas.

A concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, anima á veciñanza a demostrar unha vez máis o seu apoio cunha iniciativa que pretende "chegar e facer felices a todos os nenos que viven en fogares cunhas necesidades especiais". Ademais, agradeceu a colaboración da veciña Silvia Ramírez, de Samieira, que un ano máis colaborará de xeito totalmente desinteresado con esta campaña municipal.

Recordan que os xoguetes deben estar limpos, en bo estado e con todas as pezas e poden ser desde xogos de mesa, bonecos e peluches, ata puzzles, construcións, libros, disfraces ou materiais deportivos como bicicletas, patines ou pelotas, entre outros.

Unha vez rematada a recollida de xoguetes, o persoal do departamento de Servizos Sociais do Concello de Poio encargarase de realizar o reparto antes do Nadal.