A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou este mércores no Parlamento de Galicia que en maio comezarán as obras do novo emisario submarino na ría de Pontevedra, nas que a Xunta investirá 12 millóns de euros. Esta infraestrutura terá 3,6 quilómetros e permitirá a mellor devolución das augas limpas á ría.
A conselleira subliñou o apoio técnico e económico que o goberno galego vén prestando aos concellos da ría de Pontevedra, coa mobilización de 47 millóns de euros, dos que 32 millóns se corresponden con traballos xa en execución e 15 millóns en 10 actuacións que están planificadas.
Fixo fincapé en que dos 32 millóns de euros que se están a investir no marco do plan de saneamento local da ría de Pontevedra, case 30 teñen como beneficiario directo ao concello de Pontevedra.
Destacou que seis das dez actuacións pendentes de execución neste plan, que representan 7,8 millóns de euros de orzamento, son actuacións encamiñadas a mellorar as redes de saneamento deste municipio.
Ethel Vázquez referiuse a que os traballos de mellora da depuradora dos Praceres, nos que a Xunta está a investir 16,5 millóns de euros, están executados xa ao 40%. Esta actuación permitirá mellorar a depuración das augas residuais dos concellos de Marín, Poio, Pontevedra e Vilaboa, pois terá capacidade para procesar 900 litros por segundo.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade sumou a estas dúas actuacións outras dez coas que se busca mellorar as redes de saneamento dos distintos concellos da ría. Citou intervencións como a prevista na rede do río Lameira, en Marín, que se licitará en verán; ou o novo bombeo da Seca e de Porto Campelo, en Poio, cuxa redacción do proxecto xa se licitou.
Tamén destacou a obra de reforzo da capacidade de transporte das augas residuais desde o bombeo de Cocheras á depuradora dos Praceres, coa redacción do proxecto licitada o mércores e cun orzamento previsto nas obras de 3,7 millóns de euros.