En Cuntis xa están pensando na volta ao cole e preparan as axudas

Umia
12 de agosto 2024

O Concello de Cuntis abriu o prazo para a solicitude de axudas para a compra de material escolar para nenos de familias en situación de dificultade económica. O Concello destina 3.500 euros, cun máximo de 140 euros por alumno, co obxectivo de permitir que estes núcleos familiares poidan afrontar os custos derivados do desenvolvemento do curso lectivo 2024-2025

Mochilas escolares
Mochilas escolares / César - Flickr

O Concello de Cuntis informa de que xa está aberto o prazo para a presentación de solicitudes para optar ás axudas que a administración municipal ofrece, a través do departamento de Servizos Sociais, para familias en situación de dificultade socio-económica con fillos matriculados na segunda etapa de Educación Infantil (de 3 a 5 anos) para adquisición de material escolar. 

Tal e como se establece nas bases, o goberno local destina un total de 3.500 euros, a través do Fondo de Emerxencia Social. Cada alumno pode optar a un máximo de 140 euros de axuda, unha contía que se destina para poder afrontar os custos derivados do desenvolvemento do curso lectivo, que implica a adquisición de diverso material, como mochilas, calzadou ou roupa deportiva para Educación Física, entre outras.

O alcalde, Manuel Campos, sinala a importancia de manter esta liña de axudas, para poder botar unha man a aquelas familias que contan con menos recursos económicos ou que se atopan nunha situación de exclusión social. 

"A adquisición de material escolar supón un dos custes máis importantes para as familias, polo que é importante que aquelas unidades familiares que non dispoñan de recursos poidan contar con esta axuda", explicou o rexedor.

Á hora de poder optar a esta liña de axudas, será necesario cumprir cunha serie de requisitos. A unidade familiar da que parta a solicitude deberá estar empadroada ou contar con residencia efectiva en Cuntis. Ademais, deberá estar realizada a matriculación dos nenos para as cales se solicita a achega no CPI Aurelio Marcelino Rey García para o curso 2024-2025. 

Os cativos que aspiren á axuda deberán convivir na mesma unidade familiar, que non poderá superar os límites económicos que se establecen nas bases. 

O prazo para a presentación das solicitudes permanecerá operativo ata o vindeiro 30 de setembro, inclusive. A documentación pódese solicitar no Consistorio ou obtela a través da Sede Electrónica, na páxina web do Concello. Ademais, existe a opción de poñerse en contacto coa Administración local a través do número de teléfono 986185468 para a resolución de dúbidas e a obtención de máis información.