O alumnado dos centros educativos CPI Alfonso VII e IES Aquis Celenis de Caldas de Reis sumouse á campaña 'Aquí tamén se fala' (#Aquítaménsefala), unha iniciativa cultural do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Rafael Dieste da Coruña que chegou xa a 180 centros de toda Galicia.
Este proxecto pon especial atención á música e á cultura galega e busca "rachar cos prexuízos que pretenden dar unha imaxe distorsionada dunha suposta Galiza que non fala galego ou de que no mundo da empresa non se usa, nin nos barrios, nin nas vilas".
Dentro desta iniciativa, están a encher os comercios de Galicia coa mensaxe da campaña. O alumnado de Caldas iniciou unha distribución de carteis en máis de 50 negocios da vila e das parroquias do municipio para tentar promover o uso da nosa lingua na contorna.
Nesta campaña de normalización lingüística é a xente nova a que toma a iniciativa de convidar a proxectar a imaxe do galego como lingua viva e con futuro.